xoves, 22 de setembro de 2005

Fobias

Despois dunha mañá enteira percorrendo os meus novos dominios, despois de que me aparecese inesperadamente compañeira de viaxe tres días á semana, despois dun desagradable enfrontamento con dous neanderthais, chego á casa tan canso que paso de tres e vinte a cinco e meia man sobre man sentado diante da mesa do estudio.
Pasmando.
Faime compaña unha mosca teimuda que poliniza os bolígrafos da xerra branca. Fixen por espantala varias veces ao principio, logo deume igual, e ao fin case intimamos.
Lembrei que en Exipto o faraón concedía unha mosca de ouro como premio á tenacidade no combate. Despois pensei que podía ser bon permitirlle que camiñase polo meu brazo como inicio da terapia antifobias. Por último, decateime de que nunca falei de insectos nin arácnidos na miña blogue, e que podía ser unha oportunidade para desvelar o grande segredo: Robinson teme furiosamente esas noxentas criaturas d'el-Señor.
Ás 5'30 (exactamente) chama Polis no porteiro automático: cando sobe reñe comigo porque estou aínda sen vestir, vaime reñendo corredor adiante até o dormitorio; tamén me conta as últimas noticias de non sei cantas historias mentres saco unha roupa e vou pondo a de saír, e Polis segue a contar cousas até que fica calado, a mirar para min: Pero ti estás engordando, amiguiño... a ver, dá volta... outra vez... ui ui ui.
Rosmo, inutilmente.
Podía ser peor a tarde? Pois si: a amiga de Polis concéntrase tanto en completar o meu historial fóbico e psicolóxico que saio da súa casa con tal sensación de ridículo que me xuro non volver máis por alí, e cando no móbil soa a chamada de Polis, simplemente, desconecto.

6 comentarios:

Anonymous dixo...

¡ Medos atávicos ¡ Ufffffff, cousas do ultramundo.
D. R

fisiologus dixo...

Me preocupa más el miedo al timbre del teléfono.

Arin dixo...

Tamén a min me horrorizan eses bichos. Así que vai facer unha terapia... ó mellor ata me apunto.

Peke dixo...

Son latosos, pero combátense entre eles. Se queres estar sen moscas, deixa unha araña facer unha arañeira e esquécete dela. Os resultados son espectaculares.

Plattdorf dixo...

Fobias, fobias...
Para cando a pílula para superalas?

Xa cheguei á súa Ithaca, grazas pola carta marítima.

arin dixo...

E se o que quero é librarme das arañas, daquela que farei?