mércores, 1 de marzo de 2017

Quixen contar

Non vale a pena xustificarse: non esperen a socorrida escusa do que saíu por tabaco e non voltou en décadas (que empreguei algunha vez) nin a do fallo tecnolóxico multiorgánico ou a do secuestro (que tamén empreguei). 
Nada tiveron que ver Mr. Trump (un día destes talvez lles contarei que traballo cun fanático deste home e da súa política, e como nos anima os cafés) nin as sucesivas vagas víricas que tiveron a ben instalárseme no corpo desde que o ano comezou.
Quixen contar pero non contei como levei comigo os miasmas a Madrid naquela escapadiña de primeiros de xaneiro, como foron tomando posicións a medida que o tren avanzaba, como iniciaron o avance esa primeira noite amparándose na contaminación e no frío mentres polo Barrio de Maravillas (aka Malasaña) Venres e eu andábamos á procura dun lugar onde cearmos, e como finalmente perdemos unha tarde enteira por culpa da miña febre e da teimosía fiel de Venres por seguirme a agonía desde a outra cama, en vez de termos saído a percorrer esa Gran Vía semidesocupada de tránsito ou esas exposicións que eran o verdadeiro motivo da escapada.
Quixen  contar pero non contei que fomos ao teatro, dúas veces en dous días: un Alcalde de Zalamea sublime, mesmo a aquela altura do galiñeiro e coa visibilidade reducida dos exoplanetas, e un Ricardo III modernizado con baúis e gabardinas, que vimos xa en palco, como dúas señoronas de Serrano, a dicir de Amadrid, que nos esperaba á saída para culminarmos o meu exterminio cunha cea a base de tandoori masala e samosa de pito nun indio alí ao lado.
Quixen contar pero non contei que, como sospeito que Venres desfruta máis das tendas que dos museos, e dos espazos abertos que das exposicións do que for, polo ben da convivencia acabei aceptando unha longa camiñada invernal polo Retiro, onde retratou pavóns, fontes, anxos caídos, cipreses e, naturalmente, a nós mesmos en selfies que, coma a miña febrícula, non remataban nunca.
Quixen contar pero non contei canto amo esa cidade que sofre e odia Amadrid; porque non vivo aquí, repite o seu mantra na cervexaría de sempre, porque non teño que sufrir o tráfico nin as bichas para todo nin a porcaría das rúas nin o risco continuo de ser atracado nin a contaminación, porque non teño que percorrer distancias enormes para chegar á casa nin hei de estar pendente dos horarios dos transportes ou de cando pecha o metro.
Quixen contar todo isto e máis pero, cando me dei de conta, xa estaba outra vez a voltas coa equipaxe.

Ningún comentario: