domingo, 12 de marzo de 2017

Conxunción astral

Cinco semanas e algunha mentira despois, volvo estar en Madrid como resultado dunha rara conxunción astral: a señorita Kaplan ten un cumpreanos ao que non faltaría nin morta, e Venres estará de finde na casa dos pais; é todo tan precipitado que me sinto case coma un prófugo.
Bendita improvisación, bendita liberdade.
No tren vou pasando lista e pensando que terei esquecido; sorprendentemente, só o peite, que acabo comprando nos chinos despois de me pediren 11 euros nunha perfumaría xunto á Porta do Sol.
Vai frío, e os velazqueños ceos de Madrid están encapotados; a ameaza das primeiras pingas faime entrar nun pequeno bar diante do Reina Sofía e facer bicha con xaponeses, italianos e sudamericanos; ao final, comparto mesa e conversación cun arxentino chamado Tomás cuxo voo para Zurich sae ao día seguinte. 
Para daquela eu xa levo cheas de imaxes a pupila e a cámara, e de folletos a bolsa: primeiro, a exposición de fotografías de Halsman (portadas de Life, fotos de moda, de famosos, glamour en branco e negro e cor); despois, todo o contrario: os magníficos traballos do fotógrafo asturiano Valentín Vega que se mostraban no Museo de Antropoloxía; fotos de quen retratou aos seus viciños durante a posguerra nas romarías, a venderen peixe na feira, a pasearen, a recolleren carbón nas vías do tren; aprendices de poucos anos levando carretas de masa para a obra, descansando ou cavando; non hai ningún glamour aquí: o que hai é unha miseria digna que o fotógrafo retrata con ternura, un mundo que os que imos tendo unha idade recoñecemos se non como propio si por contra demasiado próximo.
Mentres damos conta dunha gorentosa fabada, Tomás cóntame que está náufrago en Madrid, onde fai escala desde Montevideo, e que lle cancelaron o voo sen máis explicacións, que a compañía lles procurou aloxamento, afortunadamente céntrico, onde ducharse, barbearse e descansar unhas horas, que o resto do tempo o pasou aí enfrente, entre picassos e solanas, e que non aturaría ver un só cadro máis.

Ningún comentario: