mércores, 18 de setembro de 2013

Madrid e saudade

Recibo onte unha mensaxe de Amadrid; á hora en que lla leo el probablemente estea xa en destino mentres eu trago quina organizando fotocopias, procurando un atlas, mapamundi ou algo, e tentando mellorar o horario deste curso. 
Outras cousas non serán posibles sen maxia: os recortes que negan arriba varreron dous profesores do meu instituto e a min póñenme a estudar os planetas, os ríos e cordilleiras de Europa, o relevo de Asia, para non aumentar o desastre de ter que impartir unha asignatura que non é a miña.
E, mentres, segue a saudade polos días pasados en Madrid hai unha semana (dez anos e medio desde a vez anterior, os que median entre a exposición de Vermeer e a de Pisarro), que parecen agora distantes, case doutra vida.
Ás oito da mañá, que é cando onte e hoxe pechaba a porta do tobo para ir ao traballo, hai unha semana acordábanme os martelos neumáticos e toda a maquinaria infernal con que os operarios furaban e batían na obra de diante do meu cuarto; pouco despois, duchado, vestido e ben almorzado, abríanseme as mañás e, apesar do feirón de visitantes a encheren corredores e salas dos tres grandes museos, mellorábame o humor camiñar só entre meninas, retratos rexios, paisaxes impresionistas, cristos lacerados, belezas cubistas e naturezas mortas, da mesma maneira que tras o xantar con Amadrid se me abrirían as tardes e me melloraba o humor seguir o meu amigo por novos e vellos cafés, entre outras cousas felicitándonos por seren outros os que paguen o 2020 e esbardallando co ridículo relaxing cup of café con leche por prazas coloridas con todas as razas, por bares proletarios onde xantarmos o prato do día, polo nomenclátor urbano máis sonoro (calles del Pez, de la Madera, de la Luna) e polo Matadero, en cuxa Cineteca estivemos para ver unha película patrocinada por un sindicato da competencia. 
Unha das mañás, inesperadamente, o diluvio reemprazou os ceos velazqueños, e os obreiros meus viciños tiraron de impermeables verdes e amarelos, pero a min, que son dos que miran o tempo polo calendario, cumpriume correr Alcalá adiante en sandalias e sen paraugas á procura dun dos irmáns pequenos, moito máis solitario e silencioso, e o seu tesouro case descoñecido de goyas e zurbaráns. 
Agora, mentres escribo este post tamén serodio, á miña esquerda e estendidos sobre a mesa seguen o metrobús con dúas viaxes sen gastar, as entradas inútil e cobizosamente gardadas, un feixe de planos de museos, a programación da cineteca, a tarxeta da creperie bretona en que Amadrid e eu ceamos galettes a última noite, un tique da consigna da estación, e a cámara de fotos en cuxo ventre dormen varias ducias de imaxes que aínda non descarguei.

Ningún comentario: