domingo, 2 de xaneiro de 2005

Retorno


Estou de novo en Atenas, nunha casa polar que os acumuladores non dan quentado, e padecendo unha invencível desídia que me impide, por exemplo, achegar-me á arvore de nadal defunta para, por exemplo, desmontá-la.

Levo en Atenas case 18 horas, e apenas fixen outra cousa que dar voltas pola casa e dormir. É tempo, pois, de facer balance, especialmente de termo-nos en conta que hai máis de unha semana que non escrevo aqui. Motivo? Nada de abandono, tan só falta de acceso á Rede, algo que asumo como mal menor. Calquer cousa antes de presentar-me nun ciber para tratar de organizar ideas en meio dun feixe de mozos a xogaren guerras virtuais. E pedir-lle a Vapin que me deixe traballar no seu ordenador seria delatar a existéncia desta bitácora e, imaxino, aniquilar unha amizade.

O dia 30 fun de Ithaca a Delfos, e máis aló ainda, até o mar, despois. A parada na cidade santa foi para ver o caravaggio da exposición que pronto concluirá, e que, como non fose o cadro, mostraba infinidade de cousas que non me interesaron, e diante das que pasei con muita lixeireza e nengun remorso.
O cadro si.
Se está vivo o propósito de contemplar todos os cadros de Michelangelo Merisi, sexa cal fose o lugar en que estean, daquela como non hei de percorrer os 100 kilómetros que me separan de Delfos para ver O Prendemento de Cristo que normalmente está en Odessa?
Máxime se ademais devo pasar inescusavelmente, como cada 30 de Decembro.
Tamén como cada 30 de Decembro, o azar fai que acabe baixando os pantalóns xunto (ou mellor será dicer "diante") dun descoñecido; docking.

Ningún comentario: