mércores, 12 de xaneiro de 2005

Regalo

Veño de estar con Ambece, tomando un café, ainda que en realidade o que tomamos foron unhas augas; pretexto pola miña parte: espantar un certo remol de soedade ou saudade que comezaba a deixar-se sentir, inegavelmente, desde o xantar.
Por ver de atenuá-lo tentei embebecer con Hitchcock, sen consegui-lo.
O único que tirei en limpo foi o descubrimento da voz de Tippi Hedren, tan diferente da dobraxe; creo que seria capaz de distingui-la de calquera outra, mesmo entre várias voces a falaren ao tempo.
Tamén tirei en limpo que paxaros negros non só sobrevoaban Bodega Bay e o cabelo de ouro esculpido, senón que tamén pairaban e por momentos ían facendo-se máis e máis evidentes no meu salón.
Quedo con Ambece na cafeteria doutras veces, sorprende-me cun regalo totalmente inesperado: unha preciosa mochila de coiro recén traída de Granada. Gosta-me tanto e tanto me sorprende que non sei ben que dicer, máis ainda cando Ambece me pregunta polos outros regalos, e teño que confesar-lle que os Reis só me trouxeran dous calzóns e dous pares de calcetins.
Nen sequer se me ocorreu argumentar a parvada de que deveu ser por me ter portado mal o ano pasado.
Felizmente non o fixen; é unha broma que detesto.

1 comentario:

Zeltia dixo...

sei... que usas mochilas,
e... bandoleras
:-)