domingo, 9 de xaneiro de 2005

Reconto

En efecto, hora de balance, de reconto.
E de axustar contas, mesmo se son comigo mesmo.
En posts anteriores fun inxusto (ou por mellor dicer, prematuro) nos meus xuízos sobre alguns habitantes de Ithaca, nomeadamente planetas e satélites dunha galáxia en que Vapin tamén orbita. Refiro-me sobretodo a M. e P., a quen desde este mesmo momento designarei Cinderella (por aquilo da costura) e Constanza (polo papel de Dama da Raiña que obteria se eu fixese nova versión dos Tres Mosqueteiros; é candorosa e idéntica, e por iso, rijosamente, a amo!).
Na miña descrición, recoñezo, saíron pouco beneficiadas; xusto é que diga que non son como eu dixen. Se queremos ser precisos, debemos sen embargo recoñecer que si, que son como dixen, pero non só como dixen. As duas, cada unha no seu estilo, teñen un grande corazón.
Cinderella é encantadora. Venres despois dos Reis fomos con ela e Ti cear un multitudinario cocido no restaurante acostumado da Rua Nova; a multitude finalmente reduciu-se tanto que só fomos tres; faltou o chourizo (que a dona se empeñou por último en traer velis nolis) pero sobraron as confidéncias: como non, os tres falamos dos nosos divórcios; incluso Cinderella, que é unha sen papeis porque nunca chegou a casar pero viveu unha relación de dez anos cun home cheo de ciúmes co que rompeu hai ano e meio.
Pediu cervexa para cear, e logo arrependeu-se porque o Rioja era excelente, de forma que se embebedou (Suellen?, de que me soará a min iso?) nun tris e logo todos os seus esforzos foron para entender ben a conversación e que a cabeza non lle caese sobre o mantel.
Logo de pagarmos fomos facer uso dun dos grandes priviléxios dos naturais e moradores de Ithaca: tomar unha copa de estribo xunto a unha letrina e un pozo do século III, visíveis baixo un cristal no chan dunha vinoteca, que ainda acollen auga 1800 anos após da sua construcción.
Nada de particular, se reparamos en que a muralla ten a mesma idade, e aínda non hai moito serviu-nos de letrina a Vapin e a min (e a outros centos máis).
A sonrosada Constanza non saíu esta noite connosco, seguramente agotada de coidar nenos e ensinar-lles xogos e programar-lles actividades; como a miña filla, que tivo ao seu cargo o mesmo venres ao serao ("que lástima! non poderias volver un pouco despois, que agora imos facer un verme de colores?" e papá marchou).
A arrebolável Constanza ten tamén un corazón grande e doce, e, tomando unhas cervexas a noite antes no Kursal, preguntou-me se eu sabia de asociacións, grupos, oenegués en defensa das mulleres maltratadas, das inmigrantes. Eu, que inventaria unha ONG só para falar con Constanza (o cal non quere dicer que ese non sexa un asunto que me inquiete e me preocupe, e no que pense decote) e, como sucedeu, facer con ela unha frente contra unha parella amiga de Ti; principalmente el, cheo de prexuízos contra os colombianos, romenos e marroquinos. Señor: Constanza arrebolou-se como nunca; case foi preciso achegar-lle o ombro e darlle algunha palmada no ídem dela cando o efecto agustina-de-aragón pasou e os inmigrantes ficaron menos defendidos.

Ningún comentario: