martes, 18 de xaneiro de 2005

Ithaca Night

Fin de semana en Ithaca, e o sábado á noite quedo na Cova con Vapin e Ti, para logo irmos á Cruz e recollermos ali no de sempre a Mer; o encontro na Cova converte-se nun auténtico akelarre, algo multitudinário, con asisténcia de Vapin, Constanza (resacosa da véspera e toda a noite arrebolada), Cinderella (confirmado: toda a noite á procura do Mago de Oz para que lle dese un cerebro), o irmao de Vapin e o seu noivo (que felizmente non romperon ainda pero que, a dicer de Ti, todo se ha de andar), e un número indeterminado e flutuante de acólitos, figurantes e agregados que converteu o sinxelo exercício dos viños nunha lenta actividade un tanto penosa ás veces. Como cando entramos nun pub espantoso e pasamos meia hora a decidirmos que facer.
De regreso ás 3 e media, nas Cortiñas de San Román, mentres Cinderella e Constanza fomentaban a admiración dun seareiro de chumbo e mal aspecto, Vapin, tras evocar por segunda vez os vellos e añorados tempos en que, borrachos e adolescentes, mexábamos contra a parede da Catedral e as rodas dos camións, confesa-me que lle gusta Cinderella pero que Constanza lle tocou várias veces o cu esa noite.
Mirei para el e só dixen que estaba morto de frio.
O monstro da estupidez produce sono.

Ningún comentario: