martes, 25 de xaneiro de 2005

Social-realismo

Ainda que sen voz , acudo a unha reunión coas mais dos meus alunos; e digo con elas porque, ainda que tamén estaban convocados, non apareceu ningun pai. A reunión pareceu-se a algo intermédio entre un reality show e unha película de Lars von Triers, de feito esperei que en calquer momento entraria Bjork topeñando coas sillas.
A estivo comendo chicle durante toda a entrevista; é nova ainda pero xa ten tres fillos, e o meu aluno é o do meio; mostrou-se desolada pola actitude del, que está castigado sen o 30 € semanais da paga porque o domingo á noite saíu e non regresou até as 4 da madrugada. Mentres o conta, o piercing dental de A brilla.
Con B, que está embarazada, non puidemos falar nada: traía no colo unha meniña de un ano que non deixou de chorar, desconsolada porque sua mai non lle facia caso, o que fixo que se pospuxese a entrevista para outro dia.
C é a noiva do pai da miña aluna, que, segundo ela, é moi boíña pero está mui mal da cabeza; como proba di-nos que andou contando que estaba liada cun home de 50 anos que vive fronte á sua casa; por este motivo, e antes de facer unha loucura (!), o pai levou-na ao xinecólogo e resultou que ainda era mociña, polo que decidiron levá-la ao psiquiatra.
Para D a vida deve ser tan tremenda que só con humor a pode franquear; esa é a conclusión que tiro á vista dunha muller que non chega aos 40 pero que veste como se tivese vinte máis, e que non para de facer chistes e de rir, chea dunha amarga resignación: "Que non vai conseguir o título? Iso ben o sei eu, ha ha ha", "Non me din nada novo, ha ha ha", "E como hei facer para que acorde? Chamarei-no desde o traballo, pero non esperen nada ha ha ha".
Por último, E fai-me corar: "De todos os homes do mundo, e detrás do seu pai, vostede é o home que máis admira, principalmente cando lles conta esas histórias tan bonitas de romanos".

1 comentario:

Moraima dixo...

E que sentirás ti sentíndote admirado?