xoves, 27 de xaneiro de 2005

Idas e vindas

Co pretexto de que a teño que levar á Citroen, vén almorzar Ambece; queda en aparecer antes das 9 pero chega cuarenta minutos despois. Mentres se fai o café, pasea toda a casa como se pasase revista, facendo preguntas e observacións á procura da naturalidade. A conversa entre torradas e zumes xira á volta da Notícia: as previsións sobre o concurso de traslados, que poden significar que o ano próximo non estea en Atenas.
Subitamente penso na hora que é, digo-llo a Ambece e saímos raudos; tanto que por veces non dou seguido o coche dela pola estrada, como nunha persecución policíaca de telefilme. Para o regreso, os dous xa no meu coche, temos que pisar-lle para que Ambece dea chegado ao traballo; "asi é como vivemos as mulleres soas con fillos", di ela; eu falo doutra cousa.
Como sempre que estou con Ambece, acabo acelerado.
E non falo só do coche.
Pola tarde volverei con ela á Citroen, e a sensación será a mesma: ódio dicé-lo, pero dez minutos ao seu lado supoñen un estrés tan considerável que me deixa derreado para duas horas; ademais, nunca se cumpre o plano marcado: ou chega tarde, ou temos que marchar ao pouco a cambiar algo nunha tenda, ou quedamos nun sítio e ela chama-me ao móbil para que vaia a outro porque non dá chegado, ou...
Creo que ainda non comprende que non existe a ubicuidade.
Entre Ambece I e Ambece II, café tranquilo con Ilu onde sempre. Tamén falamos da Notícia: un momento de emoción cando me di que me vai botar muito de menos se me vou; digo-lle alegre pero suavemente, con muita dulzura, que debe deixar-me marchar en paz.
Como se fai cos mortos.

Ningún comentario: