O Martes pasado, que era último día do Sanfro e festivo, foi o que elixiu Teddy para xantarmos na grella proletaria de sempre, a do polígono. Cando chegamos no seu coche vímola pechada, como eu supuña: nun día así o polígono é un ermo; obreiros e camioneiros están de festa, comen o polbo coa familia e pasean entre barracas e vendedores de bolsos e falsos calzóns de marca.
Só con esforzo dei convencido a Teddy de que non atoparíamos onde comer nin onde deixar o coche, e que o mellor ía ser tirar para o centro comercial, alí ao pé, onde case había máis persoal que clientes.
Axiña comprendín, esperando polos gorentosos ravioli en mollo de améndoas que demoraron unha eternidade, que o xantar era unha trampa: Teddy, encantado de terse coñecido e seguro de que eu non podía fuxir, disertou máis de dúas horas sobre o seu periplo estival polas paisaxes e paisanaxes de Cataluña. Para cando empecei a decatarme de que Deni non saía naquela peli, Teddy xa falaba a cada pouco de bolboretas na barriga e ansias de respirar mentres debullaba vibrantes encontros sexuais en dunas, apartamentos e até na cabina dun tráiler con rodas da altura de homes, o soño porfín cumprido.
Odieino cordialmente entre grolos de cervexa, anacos de feta e inútiles intentos de meter, aínda que fose de esguello, algunha noticia da miña existencia.
Catro días máis tarde, cando xa eu me estaba a preguntar polos efectos que acabaría tendo no planeta semellante aletexar abdominal de bolboretas, Teddy aínda imprimía metáforas pero o tema ocupou sensiblemente menos espazo: o que demorou Deni en voltar do wc no bar falsamente antigo onde os tres matamos a tarde do Sábado; pareceume pillar daquela que Teddy tanteara a Deni e que non houbera escena, que están dispostos a se daren un descanso ou algo, por ver está en que condicións ou como porque case non pillei o que Teddy me bisbaba, no balbordo do local que interfire as palabras, moi pendente eu do que sucedía por riba do seu ombro, se Deni voltaba ou non do wc para recomezarmos coas chorradas, do cine de serie B ás españoladas de cando o destape.
Outra parella que naufraga, outro dejà vu.
Aínda tomamos unhas cañas alí ao lado, pola praza, falando de política lingüística e de Dexter, mentres Deni atendía ao fútbol da tele coma un autista, ou berraba entusiasmado cos paisanos se había gol.
Fóra, a noite caía, moi lentamente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario