martes, 21 de decembro de 2010

Sorteo

Os días anteriores ás vacacións son terribles, está cientificamente demostrado; quen tivese a menor dúbida só tería que asomarse ao meu instituto estas últimas mañás, e iso que os días cincentos e fríos mantiveron algo a raia o entusiasmo dos adolescentes que, aínda así, bulían polos corredores a deshora, chimpaban entre eles e escornábanse como túzaros no patio, e resistíanse a entrar nas aulas como se os foren enviar a un campo de exterminio.
Tomando café, o meu lapsus de hoxe na biblioteca (esquecín o contrasinal de acceso ao programa de préstamo, ese que levo marcando todos os días lectivos desde hai tres cursos, e tiven que ir á procura de Erg) deu pé a que cada un mostrase o seu grao de carbonización laboral e docente, e que en resumidas contas vén significar que ningún se ve dentro de dúas décadas pastoreando os fillos (os netos talvez) destes a quen hoxe tentamos ensinar a diferenciar un suxeito dun predicado.
Non sei se foi Chicles no pelo ou Cam quen saíndo se acordou de que mañá, quizás, o Gordo nos retire.
Pero vai ser que non, como sempre ocorre.

8 comentarios:

zeltia dixo...

pois a alguén ha retirar o gordo seboso ese...
[eu non xogo tanta cantidade como para retirarme... pero para axudarlle ao meu fillo a empezar, eh? eh? eh?]

Sun Iou Miou dixo...

Mátanme vostedes co seu punto de vista terribilista: "os días antes das vacacións..." Ai, non sigo que me poño sarcástica e disque no nadal temos que ser bos.

Unha aperta para compensar a miña ruindade natural.

Bolboreteira dixo...

Pois nada..outro ano máis quedamos como estábamos..bueno con algo menos de cartos no peto..e por riba a seguir carbonizándose...ainss!
Moi simpático o viedo.
Bicos!

mariajesusparadela dixo...

Que teña saúde.

Chousa da Alcandra dixo...

Non se me poña vostede tan revirado e fatalista, carallo. Que, entre suxeito e predicado, está de vacacións mentras outros seguimos esnaquizando pedras!
E, ademáis, TOCOULLE algo do gordo. Si, xa sei que foi só a puntiña, i estes da ONLAE son tan remilgados que por eso dannos catro cadelas. Na Chousa estamos decidindo no Buzón a ver que imos facer con tanto carto...

Saúde!

Aldabra dixo...

¿Tocouche o Gordo? ¿Non? ¡Vaia! ¿Confórmaste con que che toque unha rellenita?... je je je… Por un amigo faise o que faga falta… Si me oe Congo, me despelexa… je je je.
A ilusión é o último que se perde, xa haberá outra ocasión.
Biquiños,

Raposo dixo...

Si, vai ser que non!!!

A Nena do paraugas dixo...

Pois eu non sei... O gordo sempre anda ben lonxe. Será por iso que eu non me vou retirar aínda!

E si, os corredores dos colexios non son os memsmos cando se cheiran as vacacións!

Bo Nadal e Aninovo!