domingo, 12 de setembro de 2004

Na Praza Maior

A unha menos cuarto, e estou sentado na Praza Maior, nun dos bancos á sombra que rodean o templete onde xogan muitos nenos. Nos outros bancos hai vellos sentados , e desde o meu podo ouvir a sua conversa. Penso sen cre-lo moito que algun dia serei coma eles, tamén aqui sentado, e acordo-me do meu avó, de cando me traía á Alameda a escuitar os concertos da banda, igual que agora fago eu coa miña filla.
Afectivamente regresei a Ithaca; tan só me falta regresar fisicamente, algo que intentarei este inverno, solicitando o traslado para aqui por primeira vez . O meu entusiasmo por Ithaca aumentou proporcionalmente ao meu desencanto por Atenas, onde me sinto só e isolado coma un Robinson, e onde tentarei combater o vacio o curso próximo estudando História na Faculdade (desde a semana pasada estou xa matriculado) e estabelecendo unha disciplina doméstica se non férrea si estricta.
Entre os obxectivos previstos para este inverno, ademais do traballo e os estudos de História, está a mellora na forma física. Para lográ-lo devo sen dúvida mellorar a dieta (acabar con estas comidas lamentáveis e reducir o consumo de alcol), deixar de fumar dunha vez e facer algo de exercício.
Espero aceitar a oferta de Ilu e Ambece para irmos camiñar de cando en vez. Onte mesmo, con Nican e a sua irmá, acordei que faríamos o Camiño de Santiago desde o Cebreiro: etapas bisemanais (pola nena) en que Nican nos levaria e nos recolleria. Polo que temos falado, tamén Vapin e Mer se apontan, ainda que evidentemente hai muito que organizar e tratar neste asunto.
Necesito facer cousas: seria lamentável que a única bagaxe destes últimos dous anos sexa tan só a miña ruptura matrimonial.

2 comentarios:

Moraima dixo...

Este avance rápido polos teus meses resulta vertixinosamente intrigante.

Zeltia dixo...

digo como a muller que comentou antes ca min.
resulta máis doado ver a evolución no estado anímico de alguén,
así dende fora,
e cando o tempo que pasa real entre un mes e outro é so de minutos...

estes propósitos, e ese botar conta do qu queda do vivido despois dun tempo,
a min fáiseme moi familiar.

Prosigo un anaquiño máis de lectura polas páxinas destas túas memorias cando eran presentes.