Saímos a imos ao centro, para atopar a Ti. Vemo-la case entrando na Praza Maior, coa sua mai; enton Vapin chama-a co móbil e os dous rimo-nos vendo como ela dá unha volta completa tentando localizar-nos. Facemos as mesmas bobadas adolescentes, esta vez co móbil, que facíamos hai máis de 20 anos.
Con Ti (e con M., unha amiga deles que marchará antes) tomamos unhas cañas pola Rua Nova, por suposto nos mesmos lugares aos que levamos indo desde o Neolítico e dos que puidemos ir vendo ao longo dos anos várias transformacións. A maior, sen embargo, é a que afecta a toda a zona: a competéncia da Aceña de Olga, a Milagrosa e o Campo Castelo, e mesmo Rafael Vega, é evidente. Hoxe hai xente (onte mui pouca: era luns), pero non aquelas multitudes de hai dez ou quince anos. Para o meu gusto, mellor asi.
Bromeamos coa posibilidade de irmos comer ou non un cocido, coma outras veces, pero, bromas á parte, acabamos no San Vicente diante dunha táboa de queixos e embutidos. A conversación xirou á volta de dous temas: os consabidos vellos tempos e o matrimónio, ou máis exactamente, o divórcio.
Ti e eu criticamos a actual lei de divórcio (que disque pronto reformarán os socialistas) por pacata e paternalista, pero Vapin dixo que a el lle parecia mui ben como estaba.
Como é de supoñer, enfervoricei-me un pouco; hai algun tempo, ademais, que lle dou voltas á idea de pedir o divórcio en canto se cumpra o ano regulamentar; por aquilo de non deixar as cousas a meias, indiquei; ninguén me soubo dicer que me custará iso.
Vapin mesmo falou de reconciliación, algo que, tras repoñer-me da sorpresa, unha vez máis volvin desbotar.
Por que a Lei obriga a un ano de separación antes do dívórcio? Por se houber reconciliación, para que se mediten as causas e motivos, di Vapin, case pastoralmente.
Absurdo, digo eu; por esa razón deberia transcorrer un ano tamén entre a petición de matrimónio e a cerimónia, dada a inexperiéncia dos contraentes, a emoción do momento, as presións familiares e dos amigos, etc, perante algo que si supón cambios na vida e nos bens das persoas.
Se o divórcio é un error e a parella decide volver casar, nada máis fácil: é muito máis sinxelo casar que descasar.
Vapin non as ten todas consigo.
1 comentario:
jajaja, moi bo razonamento!
(nós tardamos en divorciar, quén precise o divorcio que o paghe! (pagouno a noiva del para poderse casar con él jiji)
bueno, suspendo a lectura e confesións propias,
que hoxe xa estou cansa.
un pracer terte lido, ainda que me tocara a parte na que non tiñas gana de nada, e comenzabas o blog, e andabas perdido. tamén me resultou interesante de ler: quén as pasou as comprende. ainda hai dias que se aproximan (é ainda bo é que só se aproximan) a alguns destes teus de antes...
eche o que tén vivir, que nunca sabes por onde a vida che vai sair!
Publicar un comentario