martes, 25 de outubro de 2005

Vapin, fotógrafo


Nun xesto inequivocamente ateniense, encargo a Vapin os livros de inglés en canto descubro que lle descontan un 10%, que nos bebemos ao meiodia de hoxe en forma de cervexa. Elegantemente, nen eu pregunto nen el me conta nada encol dos seus problemas cardíaco-amorosos, pero por contra desliza-me no peto do comando o disco coas fotos do Camiño.
Non son mui boas, di, e mete-lle unha nova viaxe á prata da empanada, pero valen como recordo, asi que non fagas coma sempre.
Cando mo aclara, prometo-lle que non serei mordaz, e non o son. As fotos parecen daguerrotipos, imaxes cunha pátina de décadas: as cores distorsionadas, as roupas pesadas das exposicións de Rejlander, as nódoas sobre as figuras como unha nevarada de partículas brancas, os tons sépia, azulados, grises.
Os pioneiros asoman en cada unha das tomas: a igrexa de Portomarin ainda non fora trasladada pedra a pedra cando nos retratamos diante dela; diante dos Mercedários, Vapin e Cris parecen comentar as últimas notícias da morte do Arquiduque; Nican, evidentemente asfixiada polo corsé, posa para Nadar diante dun carvallo centenário; se non fose polas vestes, Vapin e eu pareceríamos dous amigos de von Gloeden de visita en Taormina; e, cando chegamos ao Obradoiro, parece que está no sólio ainda o cardeal Payá.

4 comentarios:

Plattdorf dixo...

Conchó! Pois se Vapin e vostede se parecen aos efebos do barón ben podía publicar algunha das fotos, non?
:-P

Kaplan dixo...

lamentavelmente, nengun de nós pasaria por efebo nen nunha foto en negativo; referia-me aos amigotes do barón que o visitavan en taormina

Moraima dixo...

Que delicioso post, o texto, as fotos, os links, gosto moito do seu blog Kaplan.

Anonymous dixo...

Aprendi muito