martes, 4 de outubro de 2005

Argumentos



Á vista da falta de argumentos para non ir á terápia, e para estar seguro de que vou, pasa Pólis a recoller-me no batmóbil. Vou para a sesión con tanta desgana que, en canto entro no portal, sento no felpudo das escaleiras e espero xunto á publicidade que Pólis e o coche marchen de vez.

Ao pouco, e tras comprovar que non hai perigo, marcho rua adiante tragando o mal humor, e asi deu comezo a tarde eclipsante no persoal, como a mañá oferecera, casi obscenamente, o espectáculo do eclipse anular.

O primeiro, mentres me servian un café con leite no Cantón, foi enviar unha mensa a Pólis para que me desculpe diante da sua amiga psicóloga por deixá-la chantada na consulta ou o que sexa, e lle faga saber que non volverei: a estas alturas da história creo que hei de explicar que a amiga de Pólis acaba de abrir un gabinete, e que Pólis me concertou unha série de citas para que me solucione o que eu non vexo como un problema: a miña fóbia aos serviciais e encantadores animaliños e que povoan as nosas moradas.

De camiño, a psicóloga centra-se e fai carteira de clientes, Pólis queda con ela coma un rei e eu, o principal beneficiado, sentirei-me ademais feliz de ser escuitado, o que é, segundo Pólis, a miña neurose máis arraigada.

E todo grátis, para Pólis o máis sólido dos argumentos.

Vaia, un dia levas-lle uns bombóns ou algo e listo, cumpriches, e a outra...

En canto sai a mensaxe desligo o móbil, tomo o café folleando a prensa local, e, cando marcho, vou parvo, case zómbi, por Ithaca.

Praza do Santo abaixo, e entro na tenda: rebusco cos ollos por todas as plantas até que a vexo e ela me ve e ven a atender-me. Logo sucede como os argumentos das novelas e as películas supoñen: Buscaba algunha cousa? di ela a sorrir, e eu, contendo o sorriso, eu digo Queria facer un regalo.

Ao fin, saio da tenda co corazón feito un tambor e, dentro dunha bolsa de papel, un pixama de flanela, pequeno e cor de rosa.

Para unha nena.

4 comentarios:

Laurindinha dixo...

Tes posibilidade dunha terapia de balde e non a aceptas?Ir a un psicólogo é como ir a facer un chequeo médico pero da alma. Nunca está de máis.
Ademais, sempre queda moi ben dicir que vas a un psicanalista...

Tongzhi dixo...

Eu acho que devias ter aproveitado. Pelo menos ir ver se dava resultado!!!

d. Rambaut dixo...

Eu tamén me tería ido. Mercar un pixama de flanela rosa e que "iso", te poña o corazón como un tambor, é máis interesante. Por certo ¿realmente foi o pixama? Non pecibo ben tal vez. ;-)

Moraima dixo...

O incrible home minguante loitou até a fin e todo porque non se ocultou dentro do iate e quixo ver que era aquela brétema mesta que se achegaba polo mar e que lle deixou a pel húmida.