mércores, 19 de outubro de 2005

Sábado


Sábado ao serao, aproveitando que xoga en Brigántia unha das suas equipas predilectas, e que Zidane e seu pai acoden a animá-la, Zara e eu acordarmos un encontro para tomar algo e, no posível, aclarar canto se poida da nosa amizade ou como se queira chamar.
Pronto renúncio a facé-lo, como tamén desistira (covardemente, haverá quen diga) de forzar aquel encontro na casa de Zara; tres dias despois Aurora estabelecerá boa parte da estratéxia na toma deste enclave (estarias dentro, repite ela), pero sigo a pensar que esta non é nengunha guerra, e que tampouco eu son o menor napoleón.
Camiñamos polas Cortiñas de San Román, paramos diante do cristal dalgunha livraria, paseamos case en siléncio; propoño que entremos nunha exposición de pintura andaluza, ali mesmo, e pronto nos perdemos nun dédalo de pátios sevillanos, saraos flamengos e ruelas brancas ao amparo da Giralda.
Ela di que daria algo por coñecé-la, que algun dia ha de ir alá.
Despois, mentres saboreamos un manxar delicioso nunha noite apracível, Zara dá con non sei que chave que ainda colga no lado esquerdo do meu peito, e o viño fai o resto: unha decrépita história de amor enterrada, vellas lembranzas que misturan Triana e Bairro Alto, e nos meus ouvidos unha voz de muller con acento andaluz ainda di o meu nome.
Despois de doce anos.
E pouquiño antes de que sexa a meianoite, no portal sen luz da sua casa, acabamos abrazados.

7 comentarios:

Tongzhi dixo...

hummmm
Uma noite boa :))))

Laurindinha dixo...

Que ben! Estou emocionada con esta historia tan fermosa! En serio, neste intre estou emocionada!
É un texto precioso...
Que máxico é cando sentes algo por alguén que non podes controlar e que xorde só...
Sé valente e non estragues a historia por covardía (ás veces os homes sodes un pouco covardes...).
Parabéns, agora mesmo sinto envexa por esa historia tan fermosa...

Anonymous dixo...

:-)

Peke dixo...

¡Cantas emocións e sacudidas!

Saro dixo...

E xa non vai seguir contando máis cousas? Espero que siga adiante e non pense en deixalo por aquí

nona dixo...

Alguén te víu con ela e contoullo a non sei quen, que llo contou a non sei quen, que llo contou a R, que mo contou a min. Dígocho para que esteñas avisado se che empezan con preguntiñas insidiosas.

Moraima dixo...

Eu non os vin e se os vise discretamente lle preguntaría por V.