domingo, 2 de outubro de 2005

Norte

Paso parte do fin de semana xunto ao mar, na casa de Nona, arranxando o divino e o humano. Na praia celebramos as acrobácias da Lula, en combate con dous cans amigos; facemos excursión ao Cabo: tentamos ver a doce Eirin apesar da brétema, pero ao fin asoman Roma e Nova York, Exipto, a costa de Creta, e sempre Ithaca, Ithaca e os seus moradores, os do akelarre, que Nona coñece através do lente desta bló, e dos que falamos como quen clasifica espécies nun bestiário.
Máis tarde, sentados na cociña, mentres ceamos e a cadela vai dun de nós ao outro á espera dunha delicatessen, o tempo esponxará-se, e entre fulgores cor de cereixa, o Chianti porá sobre o mantel a última conversa encol do meu matrimónio e a ruptura: para sorpresa miña, hei de esforzar-me por non ser veemente nas argumentacións e non acalorar-me ao expor outra vez aquela crónica mentres me é aplicado un terceiro grao.
Isto o que indica, penso regresando no Sábado, é que ainda hai augas toldas estancadas. Tamén, que rematou o tempo de rogos e preguntas: desde esta, propoño-me nunca máis falar daquilo que xa é pasado. Dito está.
E o coche volta para Ithaca: no serao desapracível atraveso a serra cos cavalos bravos ao lonxe e, tantos anos sen andar por ela, atopo-a agora chea de muiños e xigantes, e ferida por mil lugares en que os bulldozers remexeron, fozaron e até esfolaron a paisaxe cos dentes.
Paro no alto do porto a mexar e, á luz cincenta do solpor, penso que devo estar entrando en Mordor.

7 comentarios:

arín dixo...

Unha escapada faille ben a calquera, incluso a vostede.

Nona dixo...

A Deus poño por testemuña de que non hei volver aplicarlle o terceiro grao nunca máis. Auga pasada non move muiño. Que tal foi a cea? Xa che levarei o que che quedou cando vaia a Ithaca, se non che corre presa.

Tongzhi dixo...

É bom estar perto do mar, e conviver com gente amiga :)

Laurindinha dixo...

Ortigueira... Mmmm, que bos recordos... Area branquísima, baía perfecta, illa de misterio (medio-illa, medio-península), paixóns en dédalos...
As rupturas amorosas, o mellor é deixalas no faiado...

D. RAMBAUT dixo...

¡¡ NO FAIADO NON POR FAVOR!! Somos xa moitos e non temos sitio dabondo.

Anonymous dixo...

Teña un pouco de delicadeza e non me loube a Ortigueira cando Kaplan onde estivo foi en Cariño. Por certo, Ortigueira non ten bahía ningunha. Ten esa preciosa praia de Morouzos que emboca a ría.

Laurindinha dixo...

Pedoade pero pode ser que o meu non sexan os mapas (pareceume que ese redondeliño tan xeitoso rodeaba Ortigueira). En canto ó da baía...permitídeme unha figura poética, por favor, non nos cingamos tanto á realidade (ría non ficaba tan ben no texto).