sábado, 3 de outubro de 2009

Festa

Supoño que o bendito santo vela pola cidade en que naceu, e que iso inclúe as xestións pertinentes para que chova cando e como é debido.
Certo que os campos necesitaban auga, certo que Mouse Park daba pena con aqueles cauces secos e aquelas tonas verdes, pero tampouco era necesario que desabasen os ceos precisamente o día antes de comezaren oficialmente as festas do patrón, porque non son formas.
Tampouco ninguén ía poñerlle en dúbida a Froilán que era el quen mandaba a choiva, pero en fin, que estábamos a comprar os churros antes dun preguiceiro retorno á casa desde a feira cando comezaron as pingas a pintar puntos nas beirarrúas e no asfalto resequido e, corazonadas, pedinlle á señorita Kaplan agarrar ben os gorilas albinos que nos tocaran na tómbola e tirarmos para a casa a golpe de churro, por se as moscas; mesmo ela, que é novata meteoroloxicamente falando, comprobara ao serán como as bocas de esgotos das Cortiñas de San Román cheiraban a peido, aviso inequívoco de trevón para os de Ithaca.
Agora a nena está a durmir no seu cuarto e o diluvio segue a caer fóra: antes de se deitar, ceando, lembrou os barraqueiros, os vendedores negros de pulseiras e esculturas, a señora das améndoas e o algodón, a tómbola dos gorilas brancos, a noria en que montamos hoxe á tarde, os cabaliños de madeira en que xa montaba eu de cativo, as estatuas humanas, os peruanos das frautas de pan, o home das xerras de barro, o das caricaturas, a barraca do saltón, as polbeiras e que sei eu que máis cousas expostas á choiva baixo as árbores.

4 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Señor Kaplan: ¡qué boa nena está a criar, déalle un bico da miña parte e dígalle que non hai moitas nenas coma ela, pero que siga, que a bondade tamén é contaxiosa.

Noemí Pastor dixo...

Cuando estuve en Lugo le hice una foto a la imagen de San Froilán para mi cole de santitas y santitos.

Peke dixo...

Que ben o pasan a pesar da chuvia.

Sun Iou Miou dixo...

Estes santos de agora non teñen dó dos vivos...