Xa está aquí, engulindo millas tobo adiante, e desde logo con bastante retraso por imponderables da oferta e a demanda, o último agasallo dos Reis Magos.
Non é un paxaro nin un avión, apesar das súas maneiras de mascota e a súa aparencia de ovni; ten un capó de liñas dinámicas, case felino, pero non deixo de achar en falta algún foco na proa, e a suavidade con que retorna á base para a recarga despois de cada expedición polos cuartos fai pensar en enterprises e nostromos.
Ten un mando para guialo, pero eu prefiro deixalo ao seu cando marcho para o traballo, así evito escoitar como ruxe polo corredor ou foza baixo as camas, como brúa ao se enfrontar ás alfombras, e como bate unha e outra vez, con teimosía de escaravello, contra paredes e obstáculos que se lle interpoñen.
Cando regreso, se a sorte permitiu que non se atascase baixo o sofá ou que non caese na rede de cabos que rodean a mesa do estudio, atópoo adormecido, acoplado á nodriza, coa luz intermitente do morro acendéndose e apagándose, coma un corazón.
Está claro que limpa pero tamén que somos pioneiros e que ao invento lle faltan algúns vraos: a caixa do estómago está rebordante de lixo e penuxes cada vez que a abro, pero el prefire as grandes extensións, coma os espíritos libres, e ignora os recantos, que logo hai que ir repasando.
O futuro xa está aquí e a vella aspiradora, chea de rancor, fai as maletas para emigrar ao rocho. Forever and ever.
Ningún comentario:
Publicar un comentario