luns, 23 de xaneiro de 2012

Ensaios

Empeza unha nova temporada no coro e toca renovar o repertorio.
As novas pezas, dúas en latín e unha en alemán, son fermosísimas pero duras de roer; do Ave verum, o director explícanos que Mozart parece fácil pero que en realidade nanai, o que comprobo en directo en cada ensaio e en diferido cada vez que vou ao traballo, co dictáfono ao lado largando brancas e negras pola autovía; en canto ao Jesus bleibet de Bach, xa se encarga aquel idoma de atrapallar o que non está escrito.
Unha das cousas que máis me admiran é a fidelidade dos homes e mulleres que forman o coro: desde hai décadas acoden aos ensaios tres días por semana despois do traballo, sen importarlles o cansazo, o mal tempo ou que haxa fútbol na tele, como sucede moitos mércores.
A media de idade é alta, principalmente entre os baixos e tenores, o que non impide que ás veces surxan comportamentos de patio de escola, como cando o sesentón da miña dereita lle tira do pelo á soprano que temos diante ou lle toca no ombro para que pense que fun eu, que sigo cantando con cara de pau e reprimo as ganas de cascarlle unha falta de orde.
O director, como el mesmo nos di da música de Mozart, tamén parece fácil pero en realidade nanai: mantennos a raia con suavidade e paciencia, pero non cede; cando mira a fite para a zona dos baixos ou cando achega a cara como para descubrir quen botou un peido, sinto que involuntariamente me poño firme.
E así ensaiamos: verso a verso, primeiro por voces e logo todos xuntos, unha e outra vez, e daquela é como cando ao montar un puzzle encaixan as pezas todas e o que aparece adquire sentido e ademais é fermoso.

Ningún comentario: