luns, 6 de xuño de 2005

Visita

Un compañeiro de meu pai, cando iniciaban a gloriosa carreira de armas en Cáceres, soubo polo comandante da base que a sua muller o abandonara polo domador dun circo; non vos riades, que o conto é triste.
Como consecuéncia do que hoxe chamaríamos stress post-traumático, ao alferes de poucos anos desencadeou-se-lle unha esquizofrénia latente que acabou con el e coa recén estreada vida castrense nunha clínica psiquiátrica. Naqueles tempos a medicina non era como hoxe, informa meu pai.
Desde aquela decorreu máis de meio século: o amigo de meu pai, declarado inútil para o servizo de armas, por contra ingresou no servizo secreto, onde continuou unha delirante carreira inzada de ascensos, méritos e condecoracións que o Exército garda e, por motivos de seguridade, non lle entregarán nunca.
Cada tres ou catro meses sai do hospital para ver envellecer as suas irmás e, antes de tornar aos seus lavores de información, visita a meus pais levando, inescusavelmente, unha bandexa pequena de cañas de crema.
Venres tocou visita, como anunciaba a peste dun habano por toda a casa cando chegamos. Na sala, coas persianas baixadas e as luces acesas en pleno dia, estaban meus pais co seu invitado; sobre a mesa, entre as cuncas do café e a bandexa de cartón da confeitaria, un embrullo de papeis de xornal. Tras os saúdos, meu pai, mui sério, indicou o vulto da mesa e mandou-me gardá-lo na caixa forte inexistente.
Podo confiar en ti, non si? Mira que a seguridade de todos vai nestas películas, murmurou o axente mentres me collia a mao. Sinto meter-vos nisto, pero van atrás de min.

Un destes dias, cando dea visionado a totalidade das caixas de Strepsils que habia no embrullo, estarei en condicións de revelar aqui quen asasinou ao Papa.
Se é que alguén está interesado.

5 comentarios:

nona dixo...

Menuda historia máis boísima.

Peke dixo...

Conte, conte... (se pode) ;)

Plattdorf dixo...

pero..., pero...
Estou horrorizado.

Kaplan dixo...

tamén eu. e o peor é que nen se lle fixo a autópsia. en fin... se son capaces de matar o papa, que non farán connosco? creo que é mellor gardaren-me o segredo.

Plattdorf dixo...

De verdade, estou completamente horrorizado de que unha esquizofrenia poida aparecer por unha situación así.
En realidade é unha preocupación moi egoísta: como acabarei eu?