luns, 12 de decembro de 2005

Proxectos


Sigo xantando na casa dos meus pais case cada dia.
A dicer de Vapin, que estivo aqui Domingo ao serao, iso non ten xa remédio: seguirei e seguirei indo para sempre, di-me desde a sua experiéncia, e sinto que ten razón, como sinto que ir cada dia condiciona o meu horário, e, naturalmente, a miña autonomia.
Pero mentres certas cousas non muden, a cadea non romperá.
Domingo, pois, á volta de Delfos: vou gardar o coche no garaxe, e Vapin diante do portal, que ten que entrar en internet para mirar o correo e buscar información sobre móbiles.
Bebemos cola con whisky no salón, os pés sobre a mesiña e na tele sen voz a canle de cociña, e facemos proxectos: consegue alistar-me para a cea do amigo invisível, e sorprende-me con que espera livrar Sábado Santo, abrindo asi para os dous un belo panorama nos máis fastidiosos dias do ano.
Tamén falamos de Tere Holmes, que estivo na casa a véspera, cargando con lápis e un xogo magnético para a miña filla: Mentres a nena, indiferente a todo, facia polígonos e dodecaedros, Tere Holmes expoñia a nova versión d'Os amigos de Peter que podemos reeditar este Verao. Vapin está encantado coa idea e imaxino que Ti, cando llo digamos, tamén se anotará.
Dado que os recentes zurzidos cardíacos no sete emocional de Vapin poden non estar cicatrizados por completo, non puxen condicións: se Estridente vai e a de Peter se converter na casa de Gran Hermano, se en lugar de preocupar-nos polo tempo e a maionesa das tapas nos temos que preocupar de que Estridente non rompa a cabeza por imitar á Jurado, daquela eu lembraria algunha cousa urxente e daria-me de baixa.
A deus poño por testimuña. Amén.

3 comentarios:

Anonymous dixo...

:-p

Laurindinha dixo...

As ceas do amigo invisible son un clásico do Nadal, polo que vexo!

nona dixo...

Meu churriño, pois eu entrementras merquei unha finca con casa de pedra a restaurar, así terei refuxio ao pé da lareira para cando aos amigos os machaquen as intemperies. Anímateme ou regáloche un can, e entón verás ti o que é bon. A Lula está intentando montarme a perna dereita. Miña pobre. E o de Ikea que falamos non sei se poderá ser, porque volvo ter bastante choio e entre eso e as festas igual temos que deixalo para a primavera, ou igual teño que ir pola semana. Ou ambas cousas. Abrígueseme.