luns, 23 de xullo de 2007

Amargo

Como estaba previsto, de Mércores a Sábado visitáronnos tan só dous terzos da familia Haddock; por teléfono xa Henri me advertira de que tamén Salce aprobara a oposición e estaba agotada, que tiña que entregar papeis e tramitar cousas.
Logo a realidade, que resultou ser outra, presentouse mentres as nenas xogaban e reloucaban no cuarto da miña, e o café que tomábamos virou de súpeto máis negro e máis amargo.
Sen que ninguén me diga nada, sei con certeza que Salce espera desde a Comarca que o convenza como outras veces, pero sinto que esta vez non é coma o ano pasado nin as outras veces; as fendas serán quizá as mesmas, pero agora Haddock está decidido e, vendo correr diante de nós as nosas fillas mentres paseamos polo adarve, recibe as ofertas de apartamentos que lle fan polo móbil cun sosego que non deixa lugar a dúbidas nin zurcidos de ningunha caste.
Para unirse a alguén non é necesario dar razóns; en todo caso, basta con enarborar o amor, esa poderosa quimera. Sen embargo, cando sobrevén a ruptura, as razóns parecen sempre estúpidas e insuficientes, aínda máis tras 18 anos e medio, unha linda filla de dez, unha casa xeitosa no centro da Comarca.

3 comentarios:

X dixo...

Vese que as boas noticias ás veces non veñen soas.

peke dixo...

Ás veces a ruptura é mellor ca nada. Quen sabe?

X dixo...

Cando unha parella rompe, polo menos un dos dous mellora e, ás veces, mesmo melloran os dous.