venres, 13 de xullo de 2007

Celanova

Non direi que non o teña, que non sexa peleriñante, ou que non vaia e veña, ou mesmo que máis que vento non sexa un teimoso roncón, pero o certo é que onte se fora de vacacións, e o sol caía biblicamente sobre nós mentres Teddy me facía de guía, de anfitrión, nese verxel onde o mundo se chama Celanova.
A visita organizouse inesperadamente, un pouco ao chou, para atenuarme as longas vacacións que sempre me reprocha, e antes do regreso da miña filla e a visita dos Haddock a próxima semana, pero só no último momento, vía móbil, souben que xantaríamos coa irmá del.
Ao darlle o toque cando cheguei (se te dás volta xa me ves) vino vir cara min atravesando a rúa como me gusta velo: sólido, estable, compacto, e ao tempo vivaz e áxil, coa cámara na man, o sorriso despregado.
Curioseamos entre os postos da feira antes de perdérmonos nos claustros imponentes, na basílica desmedida, na humilde capeliña mozárabe. Fíxonos graza sermos tomados por acompañantes leigos dos frades e freiras bieitos que espesaban, ateigando as naves e a sancristía, no xubileo de Rudesindus, o venerable.
Sesenta fotos máis tarde reuníamonos coa irmá de Teddy na fonda en que logo xantamos: falamos de políticas locais, da orixe da gheada, do bilingüísmo harmónico (ese enxendro), da miña filla, mentres a moza traía e levaba pratos e eu me sentía tan á vontade como se coñecese os dous de moitos anos. Tal vez por iso non preguntei a Teddy daquela nen despois, xa os dous sós na longa conversa no bar do muíño, cousas obvias que logo camiño a Ithaca me foron surxindo.

5 comentarios:

paideleo dixo...

Eu pasei un par de veces por Celanova pero nunca parei.
Creo que a gheada non ten a súa orixe en Celanova pero sería outra teoría máis a engadir.

La queue bleue dixo...

Nom sei exactamente se me tranquiliza ou me dá inveja (porque eu nom poderia) ou simplesmente me produz(es) umha certa ternura isso que dis de saber que é possível que haja cousas óbvias no caminho de volta que me atrevo a imaginar que precede ao de ida.

X dixo...

Compráceme atopalo comodamente rodeado.

peke dixo...

Un día agradable sempre é un regalo.

X dixo...

Aquí desaparece o Kaplan-House e aprópiase do post o Kaplan-Hitchcock :-)