sábado, 18 de febreiro de 2006

Temporal

O fin de semana empeza con dous kilos menos e a excelente novidade de poder incluír desde hoxe a froita na dieta, notícia que pregoo aos catro ventos como se estivese parvo.
Que si estou, e ávido, non de kiwis, mazás ou laranxas, senón dos gorentosos froitos que levan chamando hai semanas por min desde os expositores dos supermercados e as caixas arrumadas á porta das tendas.
Ademais de comer morangos, despois dos labirintos persoais e as presións laborais dos dias pasados, o que máis falta me fai é un fin de semana caseiro pegado á televisión e pouco máis, digo-lle a Polis onte á tarde, e ás 8'30 xa o teño á porta cunha película alugada no videoclube e unha caixa de xenuínos fresones de Moguer ("cuna de Platero", di o envase): Dous kilos, xusto o que levas perdido, comenta camiño da cociña, chegarán ou queres máis?
Mentres rebusca pola neveira até dar coa última lata de cervexa, e fóra o temporal arrécia batendo contra os cristais da cociña, Polis explica que este fin de semana non viaxará a atopar-se con Tádsio, que o desanimaron os avisos de alerta por mal tempo, que leva meses sen ficar en Ithaca un fin de semana, que sempre ten que viaxar el, que Tádsio se pasa de cómodo, que Tádsio nunca lle dá unha satisfacción, que Tádsio é un egoísta, que Tádsio...
En definitiva, que estades enfadados, digo eu, pero el correxe-me coa precisión dos letrados, e a palavra exacta pasa a ser distantes.
Miro o DVD que trouxo: O afundimento, e digo-lle a rir que espero que non sexa unha premonición; el sorri e di algo como que o home da sua vida é Tádsio, e sorrimos os dous, e lavo uns poucos morangos e el pon nunha bandexa o que atopa: xamón, aceitunas negras, queixo.
Con tamaña frugalidade montamos a cea na mesa baixa do salón, e a pouco comezaron a caír as bombas sobre Berlin mentres alá fóra seguia a bater con forza o vendaval.

3 comentarios:

Anonymous dixo...

Enhorabuena por esos quilos, y ánimo ;-)

bueno dixo...

embora goste muito do bruno ganz, achei que o filme deixou a desejar.

Laurindinha dixo...

Mmmmm, amorodos...