xoves, 10 de xuño de 2010

Onde, cando

É ben sabido que a quen máis madruga máis cedo lle devolve Facenda, e eu xa teño ingresada a pasta; é máis, dividín o botín en tres partes (non necesariamente iguais): cunha delas comprei aos meus socios un novo pedazo do tobo, talvez a parede que teño ao lado e me separa dos viciños ou o alicatado da cociña ou a tarima do chan; a segunda está destinada a seguir o precepto bíblico de medrar e multiplicarse, se ben é certo que con todas as cautelas; coa terceira parte pagarei a vacacións.
Cando xantei con Teddy o Luns só tíñamos certo onde non íamos ir: a barbarie e os odiosos procedementos dos israelitas contra Gaza disolveran o proxecto de coñecermos Xerusalén. Está claro que non se pode chamar ao boicot contra Israel e logo cometer a indignidade de viaxar alí, facendo gasto nos seus hoteis, comprando nas súas tendas e paseando polas ruelas da Cidade Vella como se se tratase dun país amigable.
Así que en canto montei no coche de Teddy xa lle adiantei que lle ía facer unha oferta que non podería rexeitar, e así foi; leveille tamén unha guía, é certo que un pouco anticuada, para que vaia estudando os nomes das comidas e como saudar e agradecer en lingua turca, que se pode visitar e como funcionan os transportes en Bizancio.
Se o onde parece estar resolto, o cando segue a ser un enigma: todos os anos, os pais da señorita Kaplan organízanse para as vacacións, pero esta vez estamos pendentes das datas dun curso que a Consellería concedeu á miña ex, polo que hai que esperar.
Teddy acepta sen obxeccións: a fin de contas, o retraso da nosa fuga turca non ten por que invadir os prazos das verdadeiras vacacións del, as de finais de Agosto con Deni ás praias deste lado do Mediterráneo.
Polo momento, e sen moita urxencia, cómpre ir ao fotógrafo e renovar o pasaporte.

4 comentarios:

Xan dixo...

Parece estar resolto o primordial: Onde, cando e como.

Turquía devolveunos en certo xeito a dignidade perdida como de costume a mans dos cachorro falderos do imperio americano.
Un saúdo

Chousa da Alcandra dixo...

Carallo!; pois sí que lle estivo trincando pasta a vostede "Hacienda"...

(E, poda que lle pareza a vostede unha trapallada, pero eu cando viaxo ó estranxeiro, sempre rexistro os datos na web do Ministerio do Interior: http://www.visatur.maec.es/viajeros/ . Tamén convén ver a validez da Tarxeta Sanitaria Comunitaria...En fin, non me faga caso que son un tiquismiquis, e disfruten. Turquía parece unha magnífica elección)

zeltia dixo...

Aplaudo a decisión do boicot vacacional!
e Turquía e un destino moi apetecible: suficiente exótico, suficiente caótico, suficiente curioso e suficiente... europeo?
Pois veña, a facer os plans, que son case o 50% da viaxe!

E digo eu moito lle desgrava Facenda a vostede! que lle da para tantas cousas; eu son unha mindungui e tiven que pagar algo, por primeira vez na miña vida, espero que non se repita (e por cousa boa, eh)

Maribel-bel dixo...

Tiniño coa Pasión Turca, que é moi incontrolable. Un biquiño