martes, 29 de xuño de 2010

Dous diíñas aló

 Estou xa de volta, consagrado á escapada turca e a súa interminable danza de hoteis e tarifas. Desde que voltei o Domingo non deixo de escoitar crónicas e louvanzas do peplum, e até a miña mai ameaza con vestirse de matrona para o ano que vén.
A cadela, que quedou con eles a proba e durmiu civilizadamente na cociña, recibiume exultante, cuns espasmos e convulsións entre orgásmicos e epilépticos (en calquera caso, moi esdrúxulos) pero que non deixan dúbida á máis prolongada convivencia xunto deles a semana próxima, na escapada turca.
Atrás restan os dous diíñas na Comarca xunto aos Haddock: houbo poucas fotos (non moitas máis que a da illa de San Simón desde Cesantes que ilustra o post), moita calor e poucas visitas, pero por contra non houbo xantar ou cea que non acompañasen pementiños de Padrón, adicción que comparto coa señora Haddock, algún cigarriño, e laretadas sobre cousas e persoas de antes e de agora. A noite do Sábado, no local do Albanés, unha discusión con Al sobre cine americano e non tan americano aderezada con queixo e embutidos recargoume as baterías; tanto foi así que, ás tres da madrugada, na Verdura e galopando en pintas de cervexa sobre montes de amendoíns, deixamos que Pánzer, o friki dos xogos de rol e as miniaturas bélicas, nos falase de foros, pontificase para nós sobre as súas series favoritas e, espectador total, acabase rindo el mesmo das secuencias que contaba; camiño da casa, Haddock maliciosamente explicaba o entusiasmo adolescente de Pánzer por divinizar o prota de Californication: se puidese, Pánzer tamén a andaría metendo todo o tempo por aí, en cada oco, cona ou becho que se lle puxese a tiro.
Domingo ao xantar, comendo xoubiñas no forno da Leña, fixemos por harmonizar calendarios: imposible; a miña viaxe, a deles, as estadías non coincidentes das nosas respectivas fillas, e até algún casamento por aí fóra complican até o infinito a programación de visitas que, sen embargo, serán máis factibles sobre o terreo, pouco a pouco.
A amizade, sen dúbida, é este retomar sen esforzo conversas que iniciamos a última vez que nos vimos.

7 comentarios:

zeltia dixo...

tampouco a min me deixa indiferente o prota de californication (vin duas -ou tres- temporadas na rede -non sei se hai algunha nova xa), prodúceme unha mestura de atracción e rechazo. A serie está adobada co seu pirixel que lle da sabor, pero hai que admitir que tamén ten un certo tufiño comercial que non mola nada. O que digo: contradictoria.

e polo que se ve os dous diiñas ainda renderon, moi interesante o que di da amizade, penso o mesmo; e non digamos xa dos pementos de padrón -ainda que ultimamente voume inclinando máis polos do "coutro" cun sabor tamén xeitoso, e sin "sorpresas" picantes (vou tendo unha edade en que debo seleccionar as sorpresas, que con pouco xa é sobredose)
;-)

e a pasalo ben planexando esa pasión turca! (esa escapada turca, quixen dicir)

zeltia dixo...

tick! os pementos son do Couto, por suposto, meteuseme un erre no medio, vaia, sempre hai algo polo medio, estorbando.

Chousa da Alcandra dixo...

Vostede quería fuxir do Arde Lvcvs ou do chovequenindiola?.
Con calquera das razóns confío en que disfrutase da escapada.

Sun Iou Miou dixo...

A amizade, señor Kaplan, é comer e beber sen paraxe, estou vendo... ;)

Perry dixo...

Californication mooooola!!

Sigrid dixo...

Quedo con esa definición de amizade, a de retomar sen esforzo, conversas da última vez que nos vimos. Iso é. E vexo que gastronómicamente falando, non se lle deu mal, non.
Eu sónlle moito máis de "Mad Men" que de "Californication". E iso si que da para unha boa conversa :-)

xenevra dixo...

Soa moitísimo máis interesante, entretido e enriquecedor que o arder de calquera cidade, por moi romana que sexa!!