Tentei baixala, como coa outra, pero saíume un enxendro fantasmal: había manchas e sombras a movérense pola pantalla, falando con ecos de túnel ou de cova, e así non presta, francamente.
Penso no cine, en ir polo legal para vela ao grande e (supoño) sen 3D; por non ir só, fago unha sondaxe pola contorna e resulta que as miñas candidatas ou se mostran frías coa idea ao renegaren da serie ou están en pleno visionado dos capítulos que eu mesmo lles fornecín meses atrás, e non se queren anticipar.
Réstame daquela agardar que Teddy veña a Ithaca, ir a Delfos e convencer a Calmo, ou ben telefonar a Polis, o desaparecido, que cando llo propoño xa se me pecha en banda: dime que está estupendamente, mellor que nunca, pero que non lle vaia falando nin de samanthas nin de días do espectador porque agora non é quen de pensar en nada que non sexan os seus ensaios.
O fin do curso é para todos, e na academia de baile os aprendices practican sen descanso, coma galeotes, para o espectáculo final.
Ningún comentario:
Publicar un comentario