domingo, 6 de xuño de 2010

Evidencias

Cada mañá, a economía achégase a tomar café connosco, unhas veces nos bicos dos pés e outras atropeladamente; Venres, ademais, apareceu collendo da man á folga da semana que vén, que segundo confesamos sucesivamente ningún de nós secundará.
A diferenza doutras veces, esta ninguén se xustifica con renovacións de cociñas nin traumáticas experiencias doutrora; da dereita á esquerda, desde Chicles no Pelo á ultimamente moi combativa Erg, ninguén está disposto a parar a estas alturas de curso, a asumir un desconto antes da redución de salario, a protestar polo que non ten remedio.
Iso si, que se propoña eliminar as viaxes de vellos España adiante con subvención do Estado, que alguén descubra que mesmo tras o divorcio os ex cónxuxes seguen con dereito a parte da pensión do falecido, e que até se lembren os centos de millóns de pesetas que non foron cambiadas por euros, son evidencias de que a xente anda á rebusca do que se pode recortar antes de empezar a vender as alfombras e a prata.
Como aportación, eu anuncio que de momento xa me dei de baixa da televisión por cabo.

6 comentarios:

xenevra dixo...

Creo que máis ca a estas alturas do curso o desánimo vence a estas alturas da "crise". Miramos con indignación como nos recortan o salario e as pensións mentres outros seguen xogando cos nosos aforros e amasando grandes fortunas. O desánimo vence, certo; pero quizais non debamos deixar que nos gañe a batalla.
(Por certo que a nós tamén nos quitaron as dietas para acudir aos cursos que organizan polo territorio galego adiante. Gustaríame saber se os inspectores xa non cobran cada visita aos centros)

mariajesusparadela dixo...

O outro día a piques estiven de botar a primeira papilla: viñeron falar da folga os representantes de un sindicato de dereitas. E, como era a primeira vez que viñan a se preocupar de nós, en lugar de facer como fan os representantes da UXT, da CIGA e de COMISIÓNS, e marchar a un lugar para que os escoitaran os que quixeran, coparon a sa(¿saa?) de profes e non nos deixaron tomar café, porque era a representación das Furias.
Despois de escoitalos, eu tampouco vou á folga.

zeltia dixo...

Pois eu, pensando co estómago e o corazón como penso eu, que non coa cabeza,
que xa que nos quitan cartos amparándose en que é preciso, -e non os quitan de onde poderían,por ex. perseguindo o fraude fiscal, subidno os impostos de quén mais gañan, etc.-
¿queredes cartos? tomádeos, aí os tedes, mira canto vos aforrades nun día de soldo!, metedeos no cu, pero que a xente notara como medio país se paraliza se realmente os funcionarios foramos á folga, pero así claro, non se pode. Non ho non, que xa que nos recortan o soldo, non lle imos dar máis por riba!, si? ese é o razonamento?

en fins!, o de darse de baixa da tele por cable, moi boa idea, agora conectando un ordenata vello á pantalla da tele, temos os programas da tele, películas ou series, reportaxes e documentales que queiramos, á carta, e a hora que a nos dea a gaña. ¿e imos pagar por eles? ¡veña home!

Xan dixo...

Non sería mala idea darse de baixa de todos os medios de manipulación social. Protestar polo que non ten remedio é necesario aínda que só sexa para que conste o noso desacordo.
un saúdo e grazas

Sun Iou Miou dixo...

Como eu xa só vexo e pouco a televisión portuguesa (non me apuntei à "teleté"-total-para-qué), que andan polo mesmo baile só que un paso máis atrás (será polo fuso horario?), onte ouvín ao novo xefe da Banca de Portugal advertir aos tugas de que se preparasen para un descenso nos salarios. Para escarallarse.

Chousa da Alcandra dixo...

O pai Estado terá que aforrar o que non gaña e mailo que malgastou en trangalladas outrora.
E nós, os nenos gastadores e algo mimados, pagaremos as consencuencias. Das que temos algo de culpa, e das que non temos ningunha.
Que dura é a vida, carallo!