Sempre nos ten que tocar a nós, laiábase Cam hai uns días na sala de profesores, lendo no xornal as previsións económicas.
Que haberá que retrasar a idade de xubilación se queremos salvar o sistema e garantir as pensións máis alá do 2025, como dixeron desde o Banco de España, ou a ver que pasa, é con certeza unha advertencia que vai dirixida principalmente a nós, e si, Cam acerta de pleno.
Nós, que fomos a xeración do baby boom; nos, que formamos parte daquela morea de rapaces e raparigas que, nos anos finais da ditadura, houbo que apretar en aulas de 40 e 42 alumnos para que fixesen a exebé naquelas fichas de Santillana; nós, que cos nosos xerseis de la e as botas gorila fomos o símbolo da recuperación económica da posguerra, dos XXV anos de paz, dos avances da sanidade, e da última explosión da natalidade antes da legalización dos anticonceptivos.
Así pois, querida Cam, hai que prepararse porque, en quince anos e se alguén non o remedia, a nós tocaranos ser o símbolo lamentable e multitudinario dun país envellecido e oportunista, onde prexubilarse alegremente con cincuenta ou menos anos segue a ser para uns coma o gordo de Nadal, e un motivo de envexa para todos.
2 comentarios:
Eu, que teño a sensación de que vou morrer coas botas postas, digo o teclado pegado aos dedos... (e cabeza no sitio que non falte).
Pois eu firmo agora mesmo para ser capaz de morrer coas botas postas e a cabeza no sitio.
Publicar un comentario