luns, 25 de maio de 2009

Serie Larsson

A ver: que levante a man quen non está a ler, ou xa leu, algunha das novelas de Larsson.
Entre os que me rodean son multitude: Cam, Ebe, a conserxe do instituto, unha das profesoras de inglés, a da libraría onde compro o xornal, Nican, e até Polis, que é quen me pasa os libros unha vez que os termina, un pouco como cando nolos prestábamos estudando COU.
A señorita Kaplan cóntame que tamén a súa mai e a súa tía leron polo menos unha das novelas, e á vista deste tráfico de libros, se eu fose responsable sanitario, empezaría a preguntarme se non terá que ver coa propagación da famosa gripe: tanta páxina circulando de man en man, tanto tusir, tanto respirar, tanto esbirrar sobre as liñas...
Sen exaxerar demasiado, diría que desde Mércores non fago outra cousa despois do traballo que seguir a Blomkvist e a Salander no seu deambular sueco; eu, que sempre leo na cama, e que á cama me estou indo máis cedo estes días por ler máis, acabei por poñerme a ler pola tarde na butaca do salón, e na sala de profesores durante os recreos.
Non se pode falar máis en favor dun libro despois de dicir que é bon. Ilu afirmaba que a novela perfecta era aquela que desexaba que non acabase nunca; para min aquí iso non vale: precisamente estou desexando acabar a primeira para asaltar a segunda, e a escape, que ao parecer en Xuño sae a terceira.
De cando en vez miro na lapela a foto do autor, que nin viu os libros publicados nin soubo do éxito incuestionable nin cobrou un euro dos dereitos nin saberá que unha vez foi levado ao cine.
Que tristeza, por deus, non me digan.

5 comentarios:

Sun Iou Miou dixo...

Por un momento asusteime, porque sabía que tiña un sueco na lista de espera e dixen non pode ser, non podo ser eu así tan como todo o mundo, eu que sempre fun tan rarita. E non, confírmase: o meu sueco chámase Jo Nesbø e o título do libro, en alemán (son rara, pero non tanto como para saber sueco, ata un día...) é Rotkehlchen, que non parece, xa sei, pero vén sendo "pisco", que dicimos aquí, ou "paporrubio", que dirán por aí arriba. Iso si, é novela policial. Cando o devore, ao seu debido tempo, hei dar noticias, se o merece.

rivela dixo...

Sr. Kaplan ratifico todo o dito por vostede, so que eu xa lle levo ventaxa. Lin o primeiro no mes de setembro, nesas data é o meu cumple a a xente aproveita para regalarme o que máis me gusta. A segunda parte lina despois de nadal e agora estou impaciente por comprar a terceira. Enganchan de verdade porque se len moi rápido e non son precisamente libros pequeniños.O segundo non desmerece en nada a o primeiro. Do terceiro xa lle contariei.Biquiños

peke dixo...

Eu tamén lle levo vantaxe porque xa lin os dous primeiros. Estou desexando que saia o terceiro.

mariajesusparadela dixo...

Pois eu lévolle avantaxe a todos:lín o primeiro no verán.
Encantoume. Por iso non estou disposta a ler máis ningún. Nunca segundas partes foron boas (e sempre me decepcionan porque e dificilísimo manter a tensión, tanto para o que lé como para o que escribe, ¿non sí?)

Juan Carlos dixo...

Debo ser el bicho más raro del mundo. A mi es que no me gustó nada, ni el primero ni el segundo. Bueno, miento. En castellano los títulos son buenos y el personaje de la chica, Lisbeth Salander, es el que para mi tiene más enjundia. En febrero me los leí y en febrero hasta hice una entrada al respective. Menos mal que para eso están los gustos.