mércores, 23 de febreiro de 2011

23-F

Hoxe no café non fomos menos e fixemos memoria daquel Luns de hai 30 anos, cando o país estivo á beira do abismo e finalmente optou por achantar coa vergoña que a tele nos botou ás caras, vacinándonos cunha sobredose do que en realidade sempre viñera sendo España durante dous séculos: cuartelazos, militares sobreactuados, políticos mediatinta, constitucións sen substancia e ecos testiculares e salvapatrias.
Como en case todos os acontecementos históricos que me tocou vivir, tamén aquel me pillou nunha aula: non como profesor senón como alumno; en 2º de BUP e con 15 anos, as fotos daquela póñenme diante un mociño fraco, con ollar serio, reacio ás gafas apesar da miopía, cunha leve sombra  escura sobre o labio e o pelo un pouco longo pero aínda sen melena.
Hoxe no café uns e outros van contando onde estaban e que fixeron tal día hai tres décadas: dous eran xa profesores e Erg facía as prácticas de maxisterio; E., fóra de contas desde había unha semana, daba a luz no Materno, hoxe recén pechado, o fillo máis vello; Cam facía primeiro de Filoloxía, Chicles no Pelo primeiro de BUP, e M., con cinco anos, supón que pillaría unha perrencha monumental porque ese día non puido ver os debuxos animados antes de ir para a cama.
Daquela noite interminable lembro que a noticia de que a Garda Civil buscaba terroristas no Congreso nola deu a miña mai cando chegou do traballo, que ceamos coa radio posta e constantes carreiras miñas á televisión, que ao día seguinte tiña non sei que exame que logo no faríamos, e que acabei indo para a cama cos apuntamentos e un transistor esperando a ver se o Rei falaba dunha vez ou que, e que, cando acordei pola mañá para ir ao instituto, sobre a miña roupa había unha nota de meu pai que, máis ou menos, dicía: "Non fales hoxe de política fóra da casa".

4 comentarios:

Aldabra dixo...

eu teño moi vagos recordos... pero recordo que miña nai tiña medo.
biquiños.

Raposo dixo...

Despois de tanto tempo eu aínda me sigo preguntando cal foi verdadeiramente o papel do rei en todo este asunto.
Mais alá de seu archicoñecido descurso, estaba ou non enterado da intentona golpista? Apoiouna nun primer momento? Quizais nunca teñamos as respostas.

Concha López Fernández dixo...

Digamos que daquela a min libroume dun exame de literatura medieval, pero pasei a tarde do 23 e a noite e día seguintes co corazón nun cachete. Sen saber por que, tiven medo a que non me deixasen dicir o que penso do que vexo e vivo.

Un saúdo.

zeltia dixo...

Quen despois foi o pai do meu fillo tiña 23 anos recién cumpridos e eu estaba aterrorizada de que se había guerra o levasen, que o chamaran a filas, así que pasei as horas de incertidumbre imaxinando unha fuxida romántica ao estranxeiro.

Non parece algo que acontecera noutra vida????