martes, 5 de abril de 2005

Incómodo

Tres dias após, sigo a remoer na cea do Sábado: atónito, decepcionado, decidido a non asistir máis a unha exibición á par. O año asado estaba excelente, pero Estridente e Constanza, completamente cocidas, maceradas en alcol, resultaron de todo intragáveis.
Encollo-me ainda se lembro á Estridente a repetir, unha e outra vez, o número do striptease, subida sobre a mesa do comedor encanto todos afastamos dos seus tacóns de agulla vasos, cinceiros e botellas; mui pasada de rosca bateu contra a lámpada do teito coa oca cabeza, caeu da mesa, correu a trousar sen chegar a tempo ao WC.
Pero lembro sobretodo a vulgaridade infinita de Constanza, bipolar como nunca, preguntando-me perto do ouvido a que espero para liar-me con Ti, besbellando logo pues fóllatela ya y si no que te den por el culo.Trato de non lembrar, por contra, como me volvo fulminantemente e, como, sen chamar-lle nada do que me apeteceria, lle leo a cartilla como a un dos meus alunos, pero ela ten 32 anos, case non a coñezo, e está tan borracha que mesmo duvido que entendese para alén da dureza do ton.
Os demais miran, sen comprender, ocupados en que a outra non volva subir á mesa, en convencé-la de que tome a macela, de que non colla o coche para ir á casa. Un pouco despois consigo marchar.
Ti chama o Domingo á tarde, preocupada porque houbo quen pensou que eu me pasara con Constanza, e que ela só quixera parar-me os pés. Abraiado, conto-lle os detalles, sen calar nengun. Daquela, foi Ti a abraiada.
E onte chega unha mensa de Vapin: Tranki, Ti e eu falamos onte e hoxe. Vamos cortar de raíz os "comentários".

Ningún comentario: