luns, 18 de abril de 2005

Prepúcios

Venres esperei por Ambece para almorzar. Os xornais recollían que, con motivo da circuncisión do primoxénito, a S.M. El-Rei de Marrocos corre cos gastos da circuncisión de centos dos seus pequenos súbditos.
A lectura trouxome á memoria a Isdris, vello colega meu nos tempos de Lisboa, que contaba cheo de orgullo que a súa circuncisión fora pagada polo defunto rei Hassan II; Isdris presumía de ter os mesmos anos que Sidi Mohamed, o actual monarca, e de compartir con el un sagrado vínculo de sangue ao seren os dous vitimados o mesmo día.
Se a min a notícia me fixo lembrar a Isdris, e tamén a Joyce cando fala do Deus coleccionista de prepucios, a Ambece lembroulle por contra que un día destes ha de levar ao pediatra o fillo máis vello, que non descasula ben.
Ambece entrara no café acelerada como nunca, se isto é posible: cáelle o bolso, bate con clientes e camareiros, pide un almorzo completo (kiwis incluídos) e dáme os bicos acostumados, bicos ao ar, un a cada lado da cara. Ao sentar á miña beira danlle os ollos no xornal: Ao cativo teño que levalo sen falta; estou pensando que ten a pirola do pai, asi pequeniña e todo, e ao pai doíalle e a pel tiña que volvela ao seu cando acababa; o máis vello, o outro non, ese sae á miña família, ten o pirolón de meu pai, que llo vin cando o atendía no hospital polo cancro...
Pídolle coas maos, e a rir, que por favor pare, que non me conte máis intimidades, que prefiro que falemos doutra cousa, Ratzinger ou Tettamanzy, que opinas?

3 comentarios:

Anonymous dixo...

Tetamanzy, claro

Cesare dixo...

Arinze

Kaplan dixo...

tamén eu me inclino por arinze