xoves, 20 de marzo de 2008

Semana

Hai unha semana que este tobo se converteu nunha casa de turismo urbano con encanto: xentes dos dous sexos e todas as idades buliron até onte por todos os cuartos, ocuparon todas as camas, estenderon a impedimenta por dormitorios e aseos.
Houbo nenas que rifaron á volta da mesa por que lugar ocuparían nela; houbo vellos amigos que fiaron confidencias co anfitrión até a madrugada, as nenas durmindo, e houbo amigas en descanso post-electoral que fixeron, coma oráculos, predicións políticas a medio prazo.
Tías, pais, cuñados e algunha sobriña tamén houbo que acudiron a almorzar, xantar ou merendar un día ou outro, coñecer o tobo, ou simplemente a buscar algunha película.
Houbo, en fin, danzas de maletas corredor adiante, combates sempar con teimudos colchóns inchables, e todo un ronsel de cousas esquecidas (debuxos, diademas e gomas para o pelo principalmente, algún ioió) cando uns e outros foron marchando.
Como resultado, ateigados están o lavadeiro con roupa que precisa ser lavada, e o caderno das notas con cousas para seren amasadas, e deus mediante publicadas, nos próximos días.

5 comentarios:

peke dixo...

Xa vexo que estivo moi ocupado, pero iso non é desculpa para que non actualice máis a miúdo. Bicos. :)

Anonymous dixo...

Xa me parecía a min raro que marchase de viaxe sen avisar :)
Saúdos.
X

leco dixo...

Nós andamos en situación parecida, tomando estes días con mooooooooita calma.
Parabéns pola felicidade :)

Perry dixo...

Ya veo que no te fuiste, ni yo tampoco (vaya rollo la palabrita de los comentaios, ¿es verdaderamente necesaria)
:(

Anonymous dixo...

Eu gosto da casa cheia de gente. Sao momentos felizes da minha vida. Espero que a Pascoa teja sido mui boa com muito chocolate e ovos escondidos!
Bueno