Achega-se xa Setembro, o mes-luns, como lle chamo hai xa muitos anos. Onte cheguei de Atenas, e pola tarde tocou-lle a despedida a Tere Holmes, que marcha hoxe para Madrid. Recollin-a na sua casa e fomos tomar café ao Muíño: un vento bastante frio inquietou-nos na terraza, baixo un toldo branco que despois non nos defendeu do sol enfermo e picante.
Tere Holmes non está ben: mal da coluna, da que volverá operar-se en poucos dias, pero tamén mal de ánimo; isto aventuro-o eu, porque ela non parou de falar do ben que o pasou no instituto este curso pasado. Logo resultou que o seu xefe era un impresentável que andaba a escuitar detrás das portas, pero o que non quedou claro para min é se o impresentável era o deste último curso ou o do curso anterior, porque Tere Holmes saltaba deste a aquel sen cesar, e o único que concluin foi que que non hai nada como as franxas horárias (?), que ela se divertiu muitísimo, e que estivo metida en todos os fregaos e problemas posíveis: peleas entre alunas, trapicheos de droga nas aulas, controis de policia na porta do pátio, un profesor de Bioloxia que non podia dar clase porque pasaba a hora escondido baixo da mesa...
En definitiva, un aburrimento.
Cando íamos marchar, a bomba: Tere Holmes deu en lamentar-se de que levaba 10 anos de retraso, que a estas alturas xa teria que estar instalada con piso, gato e praza definitiva (isto dixo, e nesta orde de factores que non altera o producto, e o producto é que ela está desanimada, ainda que non o dixese en ningun momento, e que se balancea lentamente...)
Do Muíño á Aceña de Olga, á cervexaria de San Miguel, onde quedáramos con Vapin, que chegaba de Sanxenxo. A Tere Holmes apetecia-lle un gin tonic (eran as 7'30 do serán), pero ao final pediu tónica soa a suxeréncia miña, e continuou o pranto, frivolidades incluídas: conseguimos convencé-la de que non se depilase até chegar a Madrid (xa sei que soa surrealista contado aqui)para asi estarmos máis tempo xuntos, e seguimos dun tema a outro, esmagadoramente: como levo a miña separación, a pulpada en San Froilán, Valéncia (onde conta atopar praza este curso), internet, o matrimonio...
Daquela propuxen que Vapin e ela casen entre eles, unha contra o outro, para deste modo aforrarmos en regalos, e dixen que tiñan que apurar, que coa perda irremediável de 1 óvulo mensual, e con 40 anos que xa ten, havia que decidir-se xa; ela dixo que levava aforrando óvulos desde decembro; pola medicación, aclarou.
En fin, todo mui mui decadente, que diria Ambece.
Levamos a Tere Holmes á casa para que fixese as maletas e afrontase o dilema da depilación, e Vapin e eu, no meu coche, seguimos para o Kursal. Sentados nas tronas do mostrador, bebemos (creo) catro pintas de Guinnes por gañoto.
1 comentario:
vaia qué ben descrita unha desas veladas...
Publicar un comentario