luns, 17 de setembro de 2007

Oda triunfal

Sigo sen liña telefónica na casa e, por tanto, sen internet. Todo o demais está xa ou instalado ou en camiño de estalo, e o tobo vai ficando cada día que pasa máis confortable. Pero que veñan visitas a tomar café ou pasar a tarde non quere dicir que non sigan aparecendo operarios a remataren algún armario ou a colgaren os toalleiros.
Desde a miña atalaia de viciño decano contemplo como o predio se converte cada mañá nunha colmea chea de actividade: alternan os obreiros de diferentes oficios e empresas botando un pito na beirarrúa ou nas escaleiras cos mobles atrancando o paso; no ascensor, cando funciona, pode un subir con asépticos ikeas e baixar con orixinais decapados; unha radial corta durante horas no portal pezas de armario de cociña; a porta do garaxe sobe e desce cunha harmonía maxestosa e imperturbable.
Presidíndoo todo, atravesa paredes e tímpanos a vibración do trade como unha voz profunda que me enche de onomatopeas os cuartos; é como terse mudado a unha oda de Álvaro de Campos, a un cadro de Kandinski, a un manifesto de Marinetti.
Por iso é que, en canto comezan estes acordes da grande melodía da creación, fuxo da casa a correr para non acabar tolo.

4 comentarios:

Fada Branca dixo...

Meu pobre, ti pensa en en todos isto cando o vexas rematado.

peke dixo...

Alédome velo en tan boa forma. ;)

Peke dixo...

Por certo, o seu post lembroume os primeiros meses que pasamos nesta casa, con obreiros entrando e saíndo. Consólose pensando que vostede non tardará tanto coma min (oito meses) en ter teléfono na casa.

X dixo...

Iso de ter o portal convertido nun obradoiro de carpinteiro non é moi normal, non?
Imaxine todo acabadiño, sen ruídos, portal e escaleiras ulindo a piñeiro, xabón de Marsella, limón ou o que lle cadre.
Adoro ese olor a verniz característico dos pisos novos.
Saúdos.