luns, 30 de xuño de 2008

Cátedra

A publicación dos baremos do concurso de cátedras reedita o conto da chicharra e a formiga, e descobre que tras a banalidade de moitos dos meus colegas o que se agacha é o nervio poderoso dos traballadores natos que publican a esgalla traducións, artigos sobre proteínas e manuais de galego urxente, que amorean varias carreiras, e que fan cursos e cursiños como quen muda a roupa interior.

A miña (agora) inseparable C. sentencia camiño da cafetería: Cando todos estes se hipermasterizaban e relicenciaban eu limpaba cus e preparaba milupas.

Grey díxoo doutro xeito: "Mentres el está casado, eu fago xerseis", pero eu simplemente proclamo que para nós, como para a raposa da fábula, verdes, están verdes.


domingo, 29 de xuño de 2008

Trece días...


... nos que estiven sen memoria, vagando, camiñando polas rúas de Ithaca sen lembrar que tiña un nome, unha casa, unha familia, moito menos un blog, até que algunha alma caritativa me atopou, confuso e á beira da inanición, sen documentos nin diñeiro, e me levou á policía que me levou a un sanatorio, onde con medicación e tras dura terapia me recuperei e así espero a recaída.




...secuestrado por unha perigosa banda que me confundíu cun magnate e pedíu resgate por min, que non se pagaba nunca porque o magnate nunca desapareceu. Cando os malfeitores descubriron o engano pensaron matarme, probablemente máis por ocultar a súa estupidez que por outra cousa, pero un deles, sentindo dó de min, desatoume e díxome como chegar á estrada, onde parei un tráiler que por fin me trouxo á casa.




...nunha pequena illa despoboada do Pacífico, lonxe das rutas de navegación, tras caer ao mar da maneira máis parva. As correntes e a providencia fixéronme arribar á praia, onde, alimentándome do que se supón que se alimentan os náufragos, e coa soa compaña das gaivotas, sobrevivín varios días. Por fin, un navío de guerra que facía manobras alviscou os meus sinais e aquí estou, actualizando desde o meu camarote, de regreso á civilización.



...fun día e noite interrogado pola CIA no que debería ser unha inolvidable viaxe a Nova York; finalmente, a nosa embaixada conseguíu que me soltasen, pero aínda non son quen de explicar como apareceu un axente secreto libio afogado na bañeira do meu cuarto, no hotel ao pé do parque.

luns, 16 de xuño de 2008

Xornada

A ver: se os nosos señores eurodeputados veñen de aprobar unha xornada laboral de 65 horas que nos fai recuar en dereitos laborais por riba dun século de loitas obreiras e sindicalismo, que serán capaces de aprobar agora para faceren da vella Europa un lugar económica e socialmente máis competitivo?
Será talvez a legalización e regularización das actividades lúdico-formativas para menores en empresas con (escasa) remuneración, esas que unha manda de progres idealistas e incompetentes coma min tan mal chamamos explotación laboral infantil?

xoves, 12 de xuño de 2008

Periódico

Curso 1975-76: os fusilamentos de Setembro e a vaga xudeo-masónica e antiespañola no exterior, a prolongada agonía e morte do ditador, e outros graves acontecementos que afectaron o noso país (restauración incluída) e enchían as portadas, obrigaron a suspender (ou iso se nos dixo daquela) a tradicional visita da miña escola ás instalacións do diario local.

Curso 2007-08: 32 anos e unha xeración máis tarde, coa mesma monarquía pero diferente escola, preséntaseme unha oportunidade pola que tería asasinado, mentido e até prevaricado.
Non será necesario: a semana próxima, por fin, e con motivo do seu centenario, visitarei o xornal acompañando alumnos do meu centro que, visto o visto, mostran moito menos entusiasmo ca min pola visita.

(Nin sequera pola foto do grupo na rotativa que se publicará ao día seguinte no xornal. Brrr)

sábado, 7 de xuño de 2008

Substituto

Logo non foi tan terrible, como sucede adoito.
Polo menos non o do relevo xeracional e iso, a saber: que, antes ou despois, algún día os alumnos se converten en xuíces, gaiteiros, dentistas, caixeiros de carrefour, pallasos, presidentes do goberno ou profesores substitutos de historia.
Tampouco foi tan terrible que o mangallón viñese tras de min a correr polo vestíbulo (profe! profe!), nin que nos caesen libros e exames como consecuencia do deep impact, nin que me lembre que pasou polo menos unha ducia de anos desde que lle dei aulas en COU, nin que o faga diante dunha marea de alumnos aos que lembrar aquel tempo lles parece como lembrar cando os dinosaurios dominaban a terra.
O peor foi, non hai dúbida, cando me dixo, sacudíndome a mao (eu non podía deixar de mirarlle os aros que lle atravesaban as orellas), que me conservaba moi ben.
(Daquela, admítoo, sentín ganas de matar...)

venres, 6 de xuño de 2008

Nana

A miña filla chama ao xantar por un asunto biográfico e delicado: a mestra púxolles como tarefa para este finde indagar na memoria familiar, e levar para luns á aula:
a) unha anécdota relacionada co seu propio nacemento;
b) a canción de berce que súas mais acostumaban a cantarlles para durmilos.
A primeira encomenda tena moi clara: contará como estivo a isto de nacer no coche, un mes antes do previsto, camiño do hospital; súa mai contoulle que rompeu augas no asento do copiloto e que aguantou como podía mentres eu conducía pola autostrada igual que se un demo nos perseguise; tamén contará que pasou os 18 primeiros días da súa vida encerrada nunha urna de cristal, como a Bela Dormente, que na incubadora do lado había un buda, pelado e barrigón, e que ela era tan pouquiña cousa que até as enfermeiras lle chamaban a raniña.
Da segunda encomenda só ten claro que ela é a única da escola a quen cantaba e arrolaba seu pai. Escollo a nana da mora grande, o poema de Valente que cantaba Paco Ibáñez con esa súa voz de cura, rouca de tabaco e jb. Susúrrolle á nena a canción polo fío do teléfono; teño que parar e repetir varias veces versos e palabras, porque ao outro lado do auricular ela está a copiar na libreta o que lle canto.
Nalgún momento até parece que tornamos á casa amarela de Atenas, e ao final a voz tamén a min se me pon un pouco rouca, non sei por que, xa que non fumo.

mércores, 4 de xuño de 2008

Horóscopo

Estábamo a pedir o corpo hai semanas, pero agora son os astros, desde a páxina dun xornal, os que proclaman o que preciso: Tempo para que o acougamento invada o espírito e o pensamento se abra ao sentimento, disque.
O resto, nada máis que historias.