Tras os fastos, a rutina.
Luns trouxo consigo o ceo de chumbo, a choiva que me deixou a impecable chapa negra do coche novo con máis puntos que un leopardo, e un achado sorprendente: aquel mp3 desaparecido caeume na rúa ao abrir o paraugas onde levaba meses agachado.
Martes é cando fun coa nena ao cine: esta vez, sen óculos 3d e coas bebidas compradas no supermercado, mergullámonos no estraño mundo do Aprendiz de bruxo; despois de ler tan malas críticas da película entrei na sala co bico torto e o ánimo corrosivo, pero o certo foi que saín encantado e até me fixo rir, seguramente porque esperaba o peor; iso si, eliminaría sen vacilar todo aquilo do namoro do protagonista, xusto o que máis gustou á señorita Kaplan.
Mércores estiven con Calmo en Delfos e voltei con deberes: segundo el, coa ópera pasa como coa bicicleta, que para aprender hai que andar, así que traio para a casa tres óperas imprescindibles que me cómpre ver completas para cando nos volvamos ver. De resto, o encontro foi anodino e apresado: para certas cousas un debe ter a cabeciña no seu sitio.
Xoves pasei pola de Polis a coller os últimos capítulos da serie en que vivo ultimamente e acheino dun humor de lobos. Á primeira pregunta xa me respostou corredor adiante como no chiste, que tiña unha boa noticia e unha mala noticia, que por cal empezaba, e nese plan. En resumidas contas, a boa noticia é que recuperou a maleta perdida, un pouco avariada pero con todo dentro; a mala, que do Caribe veu infestado, literalmente até as cellas, de piollos pato. Mentres me aseguraba que xa os ten a raia e propuña sospeitosos na metade do censo de Xamaica, só eu sei os esforzos que fixen para non chimpar daquela butaca e liscar despavorido escaleiras abaixo.
Venres cheguei ao cabo da serie como quen chega ao cabo dunha viaxe; pasei ao longo do día por un claustro, unha reunión de departamento, unha visita ás tías e unha expedición ao súper antes de sentarme a axexarlles a vida aos Fisher e comprobar que, efectivamente, o final estaba á altura. Debe ser que cos anos me volvo emotivo e brando, porque chorei o que non está escrito. Déitome de madrugada e adormezo feliz coa impecable viaxe de Claire bailándome nas pupilas e na memoria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario