domingo, 17 de febreiro de 2013

Sobrado

O día da nosa primeira escapada xuntos non puido ser mellor escollido: cálido e luminoso despois de tantos e tantos adversos, coa memoria inverosímil da nave de hai menos dunha semana aínda na conversación, e a certeza de que axiña voltarán as choivas porque ao inverno aínda lle resta moito para se ir despedindo.
Como para conxuralas, pola mañá fun lavar o coche, que voltou lustroso sen aquela costra de barro, pero por pouco tempo: C. estaba segura de que debíamos pillar a autovía e logo a estrada até Teixeiro; a min por contra a teoría dicíame que o mellor camiño a Sobrado tiña que ser atravesando as terras de Friol, entre carballeiras e bucólicas paraxes con casiñas e vacas a pacer ao lonxe; a realidade teimou en levarnos por unha estrada secundaria estreita e por fortuna sen tránsito; logo a sinalización desapareceu, pasamos unha ou dúas rotondas, perdémonos, un vello coma un sátiro sentado ao sol xunto a un peto de ánimas (Carallo, non, que van do rovés!) orientounos, despois outro que levaba un neno da man díxonos que fósemos con coidado, que as obras de ampliación empezaban desde a casa dun tal Valeriano, e  para cando porfín empezamos a ver desmontes e enormes máquinas paradas aos lados da vía aínda restaba case media hora de camiño na que non me quedou máis remedio que darlle a razón a C., asegurándolle que voltaríamos pola autovía, nin bucolismo nin hostias. 
No mosteiro, e polo módico prezo de un euro por cabeza, agardábannos dous claustros silenciosos que
se espreguizaban ao sol da tarde baixo as torres inzadas de vexetación e liques, a sala capitular reconstruída após a refundación, a vella cociña sen lume desde hai séculos.
O último que visitamos foi a igrexa, inmensa, xélida, sen retábulos e con moitos dos seus muros verdes pola humidade e algunha poza no chan das choivas destes días que esquivamos para entrarmos nas capelas baleiras e resoantes, nas que instintivamente baixábamos a voz ao falarmos, mentres unha nube de bafo nos saía da boca, como nos cómics. Apertámonos e bicámonos na semipenumbra da sancristía tamén vacía, baixo a preciosa cúpula e no centro daquel círculo pétreo adornado con cunchas e caras anxélicas; catro homes severísimos e santos (segundo a guía que o frade nos dera na entrada S. Gregorio, S. Ambrosio, S. Xerome e S. Agostiño) miraban para nós censurándonos, probablemente atónitos, pero nin a calor do noso beixo foi quen de reanimalos.

Ningún comentario: