martes, 4 de xullo de 2023

Historia de Xulia

 A historia de Xulia quen ma conta é Herg unha destas tardes; vai moita calor e estamos refuxiados nas sombras bonsai dos arces do Pazo de Sangro. Levamos un pedazo a falarmos de destinos pasados e persoas mortas, e aquí Herg volta aos finais do franquismo, cando nunha vila próxima a Ferrol ensinaba a párvulos e compartía casa e colexio con Xulia. Dela di que era un espírito libre, que de estudante desquiciaba a profesora de Política con respostas e preguntas que acordaban odios e simpatías por igual no rabaño gris marengo que eran todos; lembra a vida sinxela daqueles meses na casiña alugada perto da escola (horta con limoeiros e ata un pozo), coa oposición recén aprobada e o 850 branco de segunda man (daqueles que abrían ao contrario) que Xulia comprou para ir e vir cada vez menos á casa dos pais, porque Xulia empezou a saír cun casado.

Conta Lupe que ela estaba en Ítaca a noite que pasou todo, cando regresaban en dous coches a Ferrol volvendo da Mariña; o primeiro deles é o do casado, no que vén Xulia: sae da vía e bate cun cabalo que, malferido, agoniza horas ata que aparece a Garda Civil; cando aos poucos minutos chega o 850 branco coas amigas de Xulia, o corpo dela xa está fóra do coche accidentado e o condutor argallaba unha arañeira de argumentos ata convencelas de levaren a Xulia á casa dos pais, sentada no asento de atrás, e de non contaren máis verdade que a que el lles dicía, polo ben de todos, que el xa saberá o que ten que dicir.

Aos dous días enterrárona no panteón da familia. Ninguén fixo preguntas, ao parecer. Do casado nunca máis se soubo.

Ningún comentario: