martes, 22 de outubro de 2024

Suicidios

Isto é: dúas morreron. Morreron dúas e por watsap mo contan (non elas, naturalmente).
Da segunda cóntame Maral á hora de me ir deitando: que está en shock, que lle acaban de contar que se suicidou unha viciña do seu barrio, unha rapariga nova que a atendía no Froiz a diario, que tiña un neno de catorce anos que hai uns días marchou a vivir co pai porque eles estaban separados, que ela quedou soa e non o deu soportado.
Que dicir? Vou para a cama, pero vou pensando, facendo reconto. Sáenme, con esta, desde o confinamento, unhas cantas mortes inxustificables.

martes, 8 de outubro de 2024

Morfina

O cerebro prioriza o corazón -di a prima de Venres nun whatsapp-. O demais vai apagándose pouco a pouco, e a morfina manteno adormecido.

luns, 2 de setembro de 2024

Setembro

Convocatoria de claustro para un destes días. A miña sobriña volve das urxencias con máis dúbidas que certezas sobre o embarazo. Chove lentamente. Meu pai diría que este é un día desorellado.

sábado, 31 de agosto de 2024

Ameaza

O día antes de se cumpriren 44 anos da morte do tataravó Xesús, a filla, o neto e a bisneta tratan de entreter a tataraneta mentres os pais dela acoden a urxencias e mentres sobrevoa a ameaza de aborto. 
Conspiración de cousas e factores: se eu non tomase a dormidina tería acordado antes das 6'56 cando chamaron, se non estivesen os móbiles mudos teriamos ouvido a chamada, se o porteiro automático estivese conectado teriamos aberto o portal e a nena ficaría connosco, se, por último, JP fose da xeración anterior tería lembrado que os teléfonos fixos aínda existen, e que son os mellores para as malas noticias.

luns, 15 de xullo de 2024

Semestre de libros

  1.  Memorial do convento, de José Saramago.
  2. Victoria menor, de Luis Escavy.
  3. La bibliomula de Córdoba (banda deseñada de Wilfrid Lupano)
  4. Adeus, princesa, de Clara Pinto Correia.
  5. Historias de Wyoming, de Annie Proulx.
  6. Mañana y tarde, de Jon Fosse.
  7. La mujer fugitiva, de Alicia Giménez Bartlett.
  8. Tintin en el Congo, de Hergé.
  9. A miña vida noutro lugar, de Rosa Suárez Redondo.