mércores, 19 de novembro de 2003

Desfases

O Venres decatei-me de que a matéria prevista para o exame é muito menos da prevista (valga la repugnáncia), o cal é natural: desde meados de Setembro non fago outra cousa que explicar a evolución do latin vulgar; perdo-me continuamente en digresións, como se dispuxese de todo o tempo do mundo. Por fortuna, o adianto inverosímil da avaliación e a afonia permitiron-me xustificar perante os rapaces e perante min mesmo este retraso que, o antes posível, terei que corrixir.

Este fin de semana non me correspondia ver a nena, pero, co pretexto da afonia, tampouco fun a Ithaca, onde me aburro absolutamente.

Pasei o tempo a ver películas: Reflejos (un thriller defectuoso enxendrado con partículas d'O silencio dos cordeiros e Seven), Amenaza de tormenta (Churchill en vésperas da Segunda Guerra Mundial, que me gustou e vin duas veces, nunha delas mesmo lle concedin o honor de ve-la o Domingo en albornoz, tras o almorzo), Agente secreto (Hitchcock na época inglesa, bastante out), Stalingrado (a guerra vista polos alemáns).
Conecto-me frecuentemente a internet despois de xantar; durante a semana, en canto termina o capítulo de Friends que, unha vez máis, repoñen en Canal Plus. Onte, que por ser Sábado non habia, xantei diante do ordenador, rebuscando as páxinas consabidas e máis tarde chateando no lugar acostumado e co nick acostumado.
Fumo e bebo cervexa abundantemente. Tampouco como ben. Agóbia-me e entristece-me facer de comer.
Parte da miña tristeza medra precisamente desas cousas domésticas e absurdas: non dar enchido a lavadora ou o lavapratos, ou a bolsa do lixo, ou non poñer-me a facer de comer como é debido.

Farto de chat e de baixar cousas que arquivo en disquetes que logo nunca miro, vou para a cama co pretexto de ler un pouco e a certeza de que dormirei á segunda páxina do libro que leo de Onetti; e asi é, durmo ata as 9 da noite ou despois ainda, e acordo desorientado, con dor de cabeza, con vagas lembranzas de cousas que veño de soñar e que algunhas veces evocan Trápani e as persoas dali que xa non considero família miña.
Onte ao serán erguin-me asi, perdido e sen voz; no contestador automático, mensaxes da miña mai e de Ilu: chamei-nas e deron-me consellos domésticos para a afonia (gárgaras, zume de limón con mel e cousas polo estilo); novos ofrecementos maternos para viren a Atenas, e de Ilu para o que necesite. Estas cousas...
Ceo o alimento máis san dos últimos dias: unha crema de patacas e cenórias, e vexo Stalingrado, que me prestou o meu amigo hobbit, ao tempo que fago un crucigrama branco atrasado de El País. Sigo até que me vou deitar, tarde, porque sei que mañá non irei traballar, silencioso e desabitado.
E asi me erguin esta mañá: almorcei, avisei no instituto que non iria, duchei-me, ventin-me e fun ao médico, que me dá unha baixa de 5 dias, medicamentos vários e a recomendación de ir ao otorrino se non melloro.

3 comentarios:

Anonymous dixo...

Dez días, non sei, xa está empezando a preocuparme.
Está vostede ben? Vai todo ben?
Sempre pode pasar que estea tan tan ben que nin se lembre da súa Ithaca.
Espero que sexa isto último.
Apertas desde a Selva.
X

Anonymous dixo...

PD: Podería eliminar a mensaxe anterior e mais esta que ao entrar como anónimo non podo?
Grazas.

Zeltia dixo...

ostris, señor kaplan, saberá que me gusta mirar os posteos primeiros dos blogues,
e veño e atopo este primeiro, recuperado seguramente de sabe deus qué sitio onde o escribira en primeiro lugar (¿si?) ó mais puro estilo diario, cousa que me encanta!
No 2003 vaia fiebre de películas, eh, eu tamén teño visto varias en albornoz os domingos despois de almorzar...
remembrei ese novembro do 2003; xa estaba eu recuperada dun baixón- desfase no comenzo dese ano. sete anos máis nova do que son, (ainda que eu xa non me vía nada nova ós 20).
ese ano vendín o meu apartamento e cambiei de residencia con esa necesidade d cambiar de vida, ainda que a vida é intransferible, ché, hai que apandala cando toca e disfrutala cando toca tamén.

vou seguir botando unha miradiña por aquí