luns, 5 de marzo de 2007

Pelos

Eu sonlles coma o cadeliño das merendas: Domingo ao mediodía paso pola de miña irmá a levarlles unhas cousas, e meu cuñado empéñase en que lles tome un vermú e unhas olivas; despois vou xantar na de meus pais, seguindo aquel costume ancestral; e por último, ás 4'30 estou no felpudo de Polis chamando na porta para tomar o café comprometido, cumprir e marchar canto antes.
O que non será posible até despois das 7, como se verá.
Cando chego, Polis e o seu encantador amigo aínda están á mesa, felices e comendo perdices; literalmente, perdices: en escabeche, que o amigo encantador e gourmet preparou coas suas propias mans e levara alí a véspera nunha tarteira de barro que ocupa a metade da mesa en que xantan e se desculpan porque se deitaron ás mil e acordaron tarde e tal.
Afortunadamente, están duchados e vestidos, e eu sento xunto a eles a verlles roer os ósos diminutos dos paxariños e chuchar os dedos e engulir follas de leituga, e empezo (non vou dicir que non) a miña análise mentres conversamos cun fondo de música chill-out da que gosta o anfitrión.
Vou averiguando que Encantador ten 55 anos, que como el mesmo di non os aparenta porque fai exercício cada día e só fuma socialmente, que estudou pero non terminou arquitectura, que traballa nunha caixa de aforros, que coñeceu a Polis hai dous anos no tai-chi, que le best-sellers de novela histórica, e que é tan peludo que algún día pensa acudir ao laser.
Como non bastaba coas cellas e os brazos, a instancias de Polis, que ía e viña levando cacharros, Encantador tirou de si a camisa e fixo unha demostración dos pectorais encanecidos e o lombo, das axilas e do ventre, e podo asegurar que á vista daquela capa pilosa non entendo como hai quen aínda dubide da teoria da evolución, principalmente cando soltou o cinto e baixou un anaco por atrás o pantalón para mostrar o lugar en que tiña o pelo máis negro.
Para daquela Pois e eu estábamos sentados no sofá, e os grandes espellos dourados multiplicaron a imaxe como de oso redondeado e satisfeito, contador de chistes, incansable despois xogando ao trívial, e un neno grande cada vez que gañaba queixiño e aplaudia como se gañase o ceu.
Despois de tres partidas descubrín que se fixera tarde e, sen podelo evitar, deixei que Encantador me acompañase até a Ronda e me arrincase o compromiso de cearmos os tres, un día destes, na súa casa.

6 comentarios:

gatina dixo...

¿Non dicen que o home e o oso canto mais peludo mais fermoso?

X dixo...

Ben, xa lle temos nome, pode ser realmente "encantadora" unha cea de vostedes tres con Encantador de anfitrión :P

Mrs.Doyle dixo...

Supoño que non pode rechazar a oferta, co cal quédese co positivo e disfrute desas viandas...

Arin dixo...

Moito mellor así, con enlaces; pero mire, unha suxerencia: como o alcume do señor Encantador me vai parecendo sosainas, que lle parece se lle imos chamando Teddy, coma o oso dun dos enlaces?
Bueno, é unha idea...

peke dixo...

Non está mal que cociñe ben :)

bueno dixo...

ah, se te fostes, sentiria a falta de alguém que nao conheco, mas mesmo assim, faz parte da minha trajetória virtual.