Mira que teño mala sorte: días e días sen ir tomar café no recreo, e hoxe que vou apúntase tamén o paquistaní e comeza a debullar para os profesores que o rodeamos algunhas revolucionarias teorías educativas que, sucesivamente, se nos van diluíndo no café como a sacarina pouco antes.
A máis exasperante, a do rotulador vermello, aínda me proe: o que se leva esta temporada primavera/verán nas altas alturas da pedagoxía moderna é corrixir os exames con tinta que non sexa vermella; en verde por exemplo, que dá seguridade, en laranxa, unha cor tan positiva, ou nesa gama de elegantes morados fosforescentes que o ano pasado prohibín terminantemente usar, calquera cor serve menos a vermella, que os alumnos e alumnas poderían asociar a prohibición, tabú, castigo ou perigo e desmotivarse ou algo peor.
Ficamos primeiro silenciosos, atónitos, e logo prodúcese como un estalo de palabras, todos á vez.
Á miña compañeira ao lado escóitolle dicir que está encantada de se xubilar o vindeiro curso porque hai cousas que non lle collen na cabeza; pero o paquistaní, apóstol da estulticia, segue a anunciar a nova fe, a terra de promisión dos alumnos e alumnas felices, seguros e seguras deles e delas mesmos e mesmas.
3 comentarios:
Bueno, bueno, non me sexa malo... Por que lle prohibiu vostede aos chavales que utilizasen fosforitos? Ve como incluso vostede recoñece que as cores importan?
Mentres lía o post tiña unha sensación de déjà vu un pouco preocupante. Pero non, non creo posible ter escoitado a teoría antes.
Mais, non se fai en vemello precisamente por iso, para salientar a negatividade do erro? Vaia parvadas hai que escoitar...
Publicar un comentario