Miña mai hai días que non levanta cabeza, coitada: primeiro foi Maritrini, que segundo uns morreu esta semana, e que segundo outros, entre os que me inclúo, o que fixo foi mudarse a una casa de lluvia, amor y fuego.E quen hoxe nos deixou foi a segunda autora máis lida en español após o mesmo Cervantes, a máis prolífica polo número de obras e páxinas escritas, quen foi á novela rosa o que Agatha Christie á novela negra, a que durante cinco décadas escribiu a un ritmo de dúas novelas semanais (para vergoña dos que, coma min, moitas semanas non dan escrito nin dúas entradas de blog), a que hoxe mesmo nunha vella entrevista na tele se laiaba de nunca ter recibido máis honores literarios que a admiración de Vargas Llosa e Cabrera Infante.
A vez que probei a ler unha novela de Corín Tellado que atopei pola casa, non pasei da metade; a acción situábase en Estados Unidos e os personaxes tiñan nomes coma os do cine, pero logo resultaba que, por exemplo, Liz e Molly atopaban a Frank ao baixaren pola 5ª avenida cando viñan de misa! e nese plan.
Non nego que fun cruel rebatendo os argumentos maternos con teorías coma esta ou como que alguén con tanta laca na cabeza non pode escribir nada que mereza a pena.
Se lles fixen compartir post foi só pola coincidencia das datas; é certo que as dúas empregaron o amor como materia prima, pero os resultados distan anos luz.
Para miña mai, sen embargo, estas noveliñas foron tan só unha maneira de se entreter cando era máis nova, cando non era fácil chegar aos libros, e os tebeos e as novelas se cambiaban nos quioscos, ou despois, cando éramos pequenos, mentres facíamos castelos e nos rebozábamos estupidamente na area, e miña mai mataba o tempo lendo até que era hora do baño ou da merenda.
4 comentarios:
Ay, señor Kaplan, é certo que hai distancia entre Maritrini e Socorrín Tellado; pero non o é menos que Socorrín acudiu en socorro de moita xente que tiña unha vida ben amolada e os fixo soñar: cando eu era nena, traballaba na nosa casa una muller que lía esas novelas e logo contáballas á miña nai, con todo luxo de detalles, arrimando tanto a súa propia imaxinación que un día, describindo un traxe de noiva, díxolle :"ay, Doña María, yo solo quería que usted lo viera".
Po Eugenia (así se chamaba a muller) e por todas as que coma ela poderon soñar, bendita Tellado, que deu cobertura...
Os tempos mudam, e os livros com ele. Outros ficam para sempre, o que chamamos de Eternos Universais. Nao sei porque. Se soubesse seria o autor mais vendido na face da terra! Um abraco. ( eu gosto quando voce me entende)
Que empeño en homenaxear defuntos. A min por iso non me apetece nada morrer: nunca fun de ter multitudes arredor. (`_^)
No meu cole, as internas sempre estaban con esas novelas. Eu nunca as lin, así que non podo opinar sobre como eran, aínda que o imaxino.
Publicar un comentario