venres, 16 de xullo de 2010

2º día: Tour

Que non hai nada máis pesado que escoitar a crónica dunha viaxe e ver as fotos das vacacións alleas é cousa sabida, pero que lle queren: un tampouco foi a Estambul para agachalo baixo sete chaves, coma un segredo vergoñento.
Así que váianse preparando, se queren, porque lles contarei brevemente como o segundo día aceptamos pagar 60 € para que nos levasen en autobús coma ovellas até Santa Sofía, até unha colina con vistas e até un restaurante praieiro para guiris en Tarabia onde repuxemos forzas cunha boa pitanza. Como compartimos mesa con catro mozas catalás coa selectividade recén aprobada que viaxaban soas; como nalgunha delas, como nunha bola de cristal, me pareceu ver a que será a señorita Kaplan dentro de sete anos; con elas, literalmente, intercambiamos palabras, e para a lembranza quedará a inesperada espectación delas ao verme lañar a dourada á grella que nos serviron.
Como fermentamos a comida nun catamarán polas augas do Bósforo, á vista das pontes, as mesquitas e as decadentes mansións de que fala Pamuk, e como o tour rematou no Gran Bazar, onde porfín recuperamos o control do noso tempo, non sen que antes Teddy e eu nos xurásemos reciprocamente que non nos pillaban noutra igual.

5 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Unha das cousas boas que teñen as viaxes é facerlle a outros a boca auga.

peke dixo...

Estiven tan ocupada coa estadía da miña nai que non me decatara do tempo que había que non blogueaba. Acabo de saber o de Boni. Que mágoa ,por favor. Síntollo ben.
Por certo: benvido.

Xan dixo...

Istambul sempre foi na miña imaxinación unha cidade chea de maxia e vén vostede e ponnos os dentes longos....

zeltia dixo...

Bueno, o de escoitar o relato das viaxes doutros e ver as fotos, creo que é máis un cliché ca unha realidade... se a persoa e pesada e non sabe contar nada interesante;
se trae unhas fotos cen mil veces repetidas sen moita cousa interesante que mostrar, etc. entón si pode ser algo para fuxir;
pero a min gústame escoitar unha viaxe ben contada; ver algunhas fotos explicadas (despois de coñecer xa unha impresión xeral da viaxe) etc.

O que conta da sua filla fixome sorrir... os retoños son o que mais nos fai decatarnos da cantidade de cousas que cambian en poucos anos!

por certo, señor Kaplan que é "lañar"? (-a min gústanme mais as lubinas que as douradas)

:9

Sun Iou Miou dixo...

Non sei se vou poder asistir a este espectáculo, Kaplan, sen chorar de desesperación e envexa. Déame uns días, que pasei polas fotos antes de chegar aquí e xa estou toda esbagullada (e así non lle hai quen lea nada).