mércores, 14 de xullo de 2010

555

Pois ben, aquí estou, sentado á mesa entre unha caixa de clínex e un vaso de eferalgán, cos ollos revoltos, a cabeza coma un bombo, o nariz entullado: consecuencias de tanto aire acondicionado, da exposición a ventos e soles diferentes, da molleira da semana pasada, pode que até do cambio de hora, como diagnosticou onte a miña irmá, a quen só falta un par de etiquetas de nescafé para obter o título de medicina.
Desde o día da partida o contraste das temperaturas foi constante: no autobús de ida, Teddy e eu fómonos cocendo lentamente durante seis horas longas, encaixados nos asentos e conectados umbilicalmente á radio do seu móbil; Madrid amenceu fermoso, coma sempre, con esa rosada luz que ultimamente lle vexo: sentín envexa dos que ían ao traballo polas rúas frescas e as avenidas recén regadas.
No aeroporto facturamos sen problemas e esquecemos o pesadelo coquinario coa rapidez con que nos secaban os círculos baixo os sovacos; algo moi de agradecer, tendo en conta que, non bastando con descalzarnos e todo o máis, até fun cacheado por un axente no rexistro previo ao embarque.
Sen que sucedese no voo nada destacable, e sen xantarmos máis que a triste comida do avión, chegamos ao hotel. Rexistrámonos con algo de aprensión, habida conta as informacións de viaxeiros descontentos que léramos nalgúns foros; algunha falaba en concreto do cuarto 555 que, para non prolongar máis a intriga, foi o que se nos asignou. Pois ben, en sete noites non acordamos con ningún ruído estraño, nin sentimos correr a auga dos cuartos viciños, nin vimos nada fóra do común.
E ben que puidemos: a aquel interminable corredor en que estaba a porta 555 só lle faltaba un triciclo abandonado.

4 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

E ¿resplandecía?

Xan dixo...

É de supor que a viaxe compensaria destas pequenos efectos temporais. Como se adoita dicir que lle quiten o bailado....
Un saudo e sane

zeltia dixo...

jajaja case case a única película "de medo" que me deixou unha certa inquedanza para sempre... ese pasillo... ¡esas XEMELGAS!
mándolle mellorías para ese resfriado.
e non deixa de sorprenderme que sentira envexa dos que ían currar en madrid, cando vostede ía de vacacións! (se estivera vostede nunhas circunstancias feas, tiña un pase, pero indo de vacacións?. dígalle a súa irmá, a dos títulos, que lle poña unhas sesións de diván)

Noemí Pastor dixo...

Vaya, a mí también me enferman los aires acondicionados. Ahora voy a leer sus peripecias, caballero.