martes, 13 de xullo de 2010

Estou de volta

(Vista do Corno de Ouro desde a Torre de Gálata: Topkapi, Santa Sofía, a Mesquita Azul)

Estou xa de volta.
Fican atrás os días turcos e empezan os días da lavadora e a posta a punto de casa e vida para cando Sábado veña a señorita Kaplan.
Durmín profundisimamente, pero acordei cun punto de angustia que aumenta ao lembrar as conversas telefónicas de onte ao serán: podo asumir que nunha semana de vacacións me morran as plantas, pero non dou entendido que a cadela ma atropelase un camión sen que alguén baixase moito o nivel de alerta.
Hoxe, cando xante na de meus pais, terei os detalles dunha morte incomprensible.
De momento, a lavadora lava, a mala e a mochila seguen abertas no medio do estudio, vou clasificando na mesa resgardos de caixeiro, folletos de monumentos e tiques de compra, baixo as fotos da cámara, láiome dos pés, e pouco a pouco regreso ao de sempre.

8 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Señor Kaplan: sinto moitísimo o da cadela. Pero, lembre: os nenos non son os mesmos cos pais que cos profesores ou cos avós.
Ós animais pásalle o mesmo. Seguramente ela non se estaba comportando coma con vostede, cicais na incomprensión de non atopalo como cada día.
Morrer non ten importancia. O malo é sufrir. Ela xa non sufre, por favor, non sufra vostede.

Sun Iou Miou dixo...

Vaia, Kaplan, sinto que o seu regreso fose tan duro. Por aquí hai unha cadeliña menos, pero esta morreu de vella. De todas maneiras non busque culpables: estar pendente dun bichiño para que non lle pase nada malo esixe un nivel de atención extremo e mesmo así, a morte espreita, a eles e a nós, en cada esquina.

Unha aperta

Chousa da Alcandra dixo...

Alédame o seu regreso, tamén sinto o accidente tan tremendo da cadela e sorpréndome da coincidencia que temos en gardar as lembranzas das viaxes en folletos e resgardos de compras e visitas.
Que centrifugue ben as lembranzas. Benvido.

Aldabra dixo...

menudo disgusto o da cadela, non será unha broma de mal gusto dos teus pais?

as voltas das viaxes sempre son engorrosas.

bicos,

zeltia dixo...

Vin a preciosa foto todo ó ancho da pantalla: a mezquita azul... e os tremendos barcos que fan os cruceiros atracados no porto...

A verdade e que todo o que me sairía de dicirlle á volta das vacacións quedouseme cortado coa noticia da morte da cadeliña!. Non quero nin ir mirar as fotos que vostede puxo, nin meterlle a vostede máis o dedo na ferida.
Sinto moito.

susana moo dixo...

Pois moi ben vido, no de sempre "do interné" se te festexa.
Sinto o da cadela, aquela tan bonitiña, non é? puff.

X dixo...

Benvido Sr. Kaplan, sinto sinceramente o de Boni, apertas.

xenevra dixo...

Lamento moito o de Boni. Tento empezar por orde o paseo por Turquía que vostede me vai dar, pero non podo evitar ir enganchando os ollos nas fotos que se apresentan como desexos.
E vou camiño do primeiro día...